O FEMPA

O Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura  (FEMPA)  é o fondo europeo do marco financiero plurianual 2021-2027 para as políticas marítimas e pesqueiras da UE.
Barcos e bateas
 

A norma que o regula é o Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de xullo de 2021 polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, que establece as prioridades do FEMPA, o seu orzamento e as normas específicas para a concesión das axudas.

Ademais, para a concesión do financiamento dos proxectos que se presenten tamén hai que ter en consideración o regulamento que se coñece como Regulamento de Disposicións Comúns (RDC) que é o Regulamento (UE) 2021/1060) que aplica tamén para o resto dos fondos deste período 2021-2027.

Prioridades

As prioridades deste Fondo son:

  1. Prioridade 1: fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos;
  2. Prioridade 2: fomentar as actividades sostibles de acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e a acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión;
  3. Prioridade 3: permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras, insulares e interiores, e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas;
  4. Prioridade 4: reforzar a gobernanza internacional dos océanos e permitir que os mares e océanos sexan seguros, protexidos, limpos e estean xestionados de xeito sostible.

Ademais, o apoio no marco do FEMPA contribuirá á consecución dos obxectivos medioambientais e de mitigación do cambio climático e de adaptación a este por parte da Unión.

Trabajadoras

Funcionamento

  • Ao igual que no período anterior (2014-2020) unha parte do orzamento total do Fondo é asignada a cada estado membro no que se chama xestión compartida do fondo, é dicir, as autoridades nacionais e a Comisión son responsables conxuntamente da aplicación do programa.
  • Cada estado membro elabora un programa nacional (aprobado pola Comisión), no que establece como vai dispor do diñeiro da parte do Fondo que ten asignada.
  • En España, a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca y Medio Ambiente é a autoridade de xestión do Fondo e distribúe unha parte entre as Comunidades Autónomas. A autoridade de xestión tamén pode delegar funcións nos organismos intermedios de xestión.
  • Cada Comunidade Autónoma con organismos intermedios de xestión determina os tipos de intervención (equivalente ás medidas do fondo anterior) que van empregar do Fondo para acadar os obxectivos establecidos.
  • Os criterios para a selección dos proxectos son elaborados conxuntamento polos organismos intermedios de xestión das CCAA e a autoridade de xestión, de xeito que existe un documento único de criterios de selección para España.
  • Para que a autoridade de xestión e os organismos intermedios de xestión reciban o reembolso das cantidades abonadas ao beneficiario, deberán certificarse os importes á Comisión.
 
Logo cofinanciado