Aberto o prazo das axudas para o impulso das pemes de transformación de produtos do mar, dotadas con 14 M€

21 de Xaneiro de 2026

Estes apoios, correspondentes á terceira convocatoria Fempa, permitirán aumentar a competitividade deste sector en termos de innovación, de xestión e de eficiencia
 

  • A conselleira destacou que o Goberno galego aprobou nos últimos nove anos preto de 144 M€ para o desenvolvemento de 486 proxectos

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, anunciou este mércores en Cabomar que hoxe, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Xunta abre o prazo para que as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura poidan solicitar as axudas habilitadas pola Consellerías do Mar para impulsar a súa competitividade e actividade. En total, 14 millóns de euros que o Goberno galego pon a disposición deste sector neste ano no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

O prazo de solicitude é dun mes a contar desde mañá e entre as opcións que son obxecto de apoio, tal e como detallou a responsable autonómica, son aquelas  relacionadas coa optimización e innovación no ámbito da industria de procesado, así como coa ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas deste sector e coas melloras en materia eficiencia enerxética. A este respecto, inclúense accións que aumenten o arqueo bruto dos buques, a modernización do motor principal ou auxiliar de ata 24 metros de eslora total.

As empresas interesadas tamén poden consultar toda a información nas oficinas Es-Mar ou no enlace ao DOG de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260121/AnuncioG0427-291225-0001_gl.html.

486 proxectos e 144 M€

Trátase da terceira convocatoria Fempa desta liña de axudas, a través das que o Goberno galego subvenciona ata o 50 % dos investimentos que realicen estas pemes, podendo elevarse ata o 100 % no caso de que cumpran os criterios como seren de interese colectivo ou ter un beneficiario tamén colectivo, así como características innovadoras ou garantir o acceso do público aos seus resultados.

Desde a primeira edición no 2016, dentro do Femp, ata 2025 co Fempa, Galicia leva aprobados preto de 144 millóns de euros en achegas para o desenvolvemento de 486 proxectos de mellora das instalacións empresariais.

No marco do actual fondo europeo, é dicir, nas dúas últimas convocatorias, a Administración autonómica apoiou 93 proxectos cunha axuda pública superior aos 25 millóns de euros.

Logo cofinanciado