Aberto o prazo de solicitude das axudas para a creación e consolidación das OPP e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros

13 de Xullo de 2025

Dotadas con 400.000 euros, contribúen ao impulso do sector, xerando emprego e riqueza no marco dunha economía azul sostible

As Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) e as asociacións de organizacións de produtores pesqueiros xa poden solicitar as axudas habilitadas pola Consellería do Mar, en réxime de concorrencia competitiva, para a creación e consolidación destes entes.

A convocatoria destas achegas xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 9 de xullo, polo que o prazo de solicitude será dun mes, contado a partir do día seguinte desta publicación.

Están dotadas con 400.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e contribúen a impulsar a actividade do sector e o seu desenvolvemento, xerando emprego e riqueza no marco dunha economía azul sostible.

Con esta iniciativa, o Executivo autonómico dá continuidade a uns apoios dos que, no período 2016-2023, se beneficiaron as 8 OPP existentes en Galicia, con máis de 12,4 millóns de euros.

A media de facturación dos seus socios nos últimos cinco anos superou os 170 millóns de euros; uns datos que se pretenden mellorar con esta convocatoria, reforzando con elo o traballo destas organizacións e asociacións.

Logo cofinanciado