Impartirá 12 ensinanzas técnicas cun total de 168 prazas e 3.293 horas de formación
- Villaverde destacou o apoio da Xunta no seu desenvolvemento ao reverter “na profesionalización e cualificación da actividade marítima, diversificándoa e aumentado a súa competitividade”
O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Medio Mariño (Cetmar), iniciou a súa programación formativa para este ano, consolidando os máis de 25 anos de experiencia na ensinanza especializada para o sector marítimo-pesqueiro de Galicia.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, interesouse polo proxecto académico que combina capacitación técnica en áreas como redes de pesca, carpintería naval en madeira, electricidade, hidráulica e mecánica naval, xunto a competencias máis transversais relacionadas coa prevención de riscos laborais, a igualdade ou a sustentabilidade.
Inclúe 12 accións formativas técnicas, con 3.293 horas lectivas e 168 prazas, doce por curso. Unha programación que, como novidade, inclúe a recuperación da modalidade itinerario de procesos básicos de plásticos técnicos, inexistente desde o 2017, e o reforzo da formación en composites mediante técnicas de infusión e baleiro. Asemade, consolídase o programa piloto de xestión e trazabilidade de residuos, e refórzase o sistema de titorías para apoiar ao alumnado con 40 horas.
A responsable autonómica destacou a aposta da Xunta para garantir o seu desenvolvemento, que supón “unha clara aposta pola cualificación e profesionalización do sector, mellorando, en paralelo, a súa competitividade”. O obxectivo, engadiu, “é garantir perfís técnicos cualificados, fomentar a innovación tecnolóxica, mellorar a seguridade laboral e promover tamén a sustentabilidade ambiental e a economía circular, ao tempo que se afonda na conservación do patrimonio marítimo e na diversificación profesional”.
Para elo, a Xunta duplica neste exercicio o investimento que viña destinando ao funcionamento formativo deste centro. En total, preto de 418.000 euros, enmarcados no Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Deste xeito, A Aixola, creado no 1.996 a iniciativa da Administración autonómica e a Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra, preséntase este 2026 como unha proposta integral de formación técnica, empregabilidade e sustentabililade ao servizo do sector marítimo pesqueiro.
