-
Tal e como adiantaron hai 15 días ás federacións de confrarías estará dotado con 123 millóns de euros e recolle actuacións a curto e medio prazo entre as que se encontran as axudas extraordinarias e directas que se pagarán xa este mes de febreiro
-
Ademais de atender de forma inmediata ao duro revés que sufriu a actividade o ano pasado, esta estratexia busca aportar solucións á caída produtiva, rexenerar os bancos marisqueiros, diversificar as especies e conseguir que sexan máis resilientes
-
O titular de Mar reclama tamén celeridade ao Estado e recorda que o sector segue á espera do que decida o Executivo estatal sobre a declaración de zona catastrófica mes e medio despois de que a Administración galega o presentase
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, contrapón a actuación da Xunta co sector marisqueiro, cunha liña de axudas extraordinarias acordadas cos representantes do sector e un plan de acción aberto ás súas aportacións que se lle trasladou hai dúas semanas ás federacións de confrarías, fronte a pasividade e inacción do Estado. E é que mes e medio despois de que se trasladase ao Goberno central a solicitude de declaración de zona catastrófica dos bancos marisqueiros afectados pola alta mortaldade dos bivalvos pola baixa salinidade resultado das fortes chuvias do outono, segue sen haber resposta.
Así o declarou o titular de Mar na visita á confraría de Redondela onde, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Manuel Rosas, mantivo unha xuntanza cos responsables do pósito e profesionais do marisqueo para explicar tanto os detalles das achegas directas e extraordinarias aprobadas no último Consello da Xunta como as liñas xerais do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, un conxunto de actuacións que está aberto ás contribucións das xentes do mar.
Tal e como avanzaron as federacións de confrarías de pescadores o pasado día 14 de xaneiro, prevese inicialmente que esta estratexia mobilice un total de 123 millóns de euros con actuacións a curto e medio prazo. As máis inmediatas, dotadas con 15 millóns de euros, serán para as axudas froito do intenso traballo cos representantes do sector. Inclúense os 4 millóns de euros que se abonarán de forma extraordinaria e directa este febreiro a máis de 7.000 profesionais de marisqueo a pé e a frote, aos que se sumarán tamén uns 400.000 euros para contribuír a sustentabilidade das organizacións representativas do sector. Os restantes fondos, máis de 10 millóns de euros, virán con cargo ao Fempa para afrontar as paradas temporais.
En canto as actuacións no curto prazo comezarán pola recuperación dos bancos danados ao tempo que se reforza a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar), onde se están a estudar xa as causas da caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías. Serán 4,2 millóns a mobilizar xa neste primeiro semestre.
No medio prazo (segundo semestre deste ano e 2025) dedicaranse algo máis de 104 millóns de euros para contribuír á sostibilidade do marisqueo, focalizando o esforzo en continuar coa rexeneración de áreas marisqueiras e a xeración de novas zonas de traballo, así como o apoio técnico-biolóxico ás confrarías e entidades representativas do sector e para a vixilancia dos bancos, reforzando tamén o labor do Intecmar e das redes de control.
Outras medidas porán o foco no apoio á competitividade, e van desde un plan para complementar e diversificar as especies como á busca de que sexan máis resilientes ante os cambios ambientais. Promoverase o fortalecemento da colaboración coas asociacións do sector e crearase unha plataforma de vendas que utilice tódalas canles físicas e virtuais accesibles hoxe polos consumidores.
Segundo Alfonso Villares este plan de acción pretende sentar as bases “dun futuro máis próspero para un sector fundamental para Galicia como é do marisqueo”, tal e como recolle negro sobre branco a lei do litoral autonómica.
Inexplicable demora
Fronte a esta estratexia o responsable autonómico criticou a lentitude coa que está actuando o Executivo central ante a petición da Xunta o pasado 20 de decembro da declaración de zona catastrófica, sen resposta algunha ata o momento. Unha espera que para Alfonso Villares amosa a falta absoluta de sensibilidade do Estado cun sector estratéxico para Galicia e para o cal segue sen mobilizar un só euro. Esta medida é fundamental pois permitiría obter máis recursos para acometer a reparación de tódolos danos nas producións mariñas e abre a porta a axudas extraordinarias para empresas e exencións de cotas á Seguridade Social para os traballadores. Sinalou que é inxustificable o trato discriminatorio fronte a outras autonomías que si recibiron apoio estatal ante situacións análogas cun gran impacto negativo noutras actividades económicas.