O conselleiro do Mar puxo en valor a colaboración do sector dado que nesta nova acción colabora a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra xunto a Universidade de Vigo
-
Esta iniciativa, que será desenvolvida ata o ano 2027, conta cun orzamento de case 200.000 euros e pretende contribuír á mellora da produtividade de bivalvos nos bancos marisqueiros
A Xunta e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), colaboran na realización do proxecto Marislab para abordar o estudo integral das condicións sedimentarias óptimas para a mellora da produtividade de bivalvos nos bancos marisqueiros. O acordo, asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o vicepresidente do CSIC, Carlos Closa, afonda na alianza do Goberno galego e os centros de investigación mariña para o desenvolvemento de accións que permitan deseñar solucións eficaces aos principais retos que afronta na actualidade o sector pesqueiro e marisqueiro.
Alfonso Villares puxo en valor participación do sector dado que esta nova acción está enmarcada na Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia (Redemar). Nesta ocasión colabora a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra xunto a Universidade de Vigo coa finalidade é coñecer a porción máis axeitada entre area e lodo en sedimentos así como os factores bioquímicos que favorecen a presenza e crecementos de especies de bivalvos de valor comercial para ser explotados nas zonas de produción. Este traballo permitirá saber máis sobre a correlación entre os forzantes físicos oceanográficos, as propiedades texturales e bioxeoquímicas dos sedimentos coa abundancia de recurso.
O proxecto, que está composto por catro fases, prevé a creación da primeira caracterización multifactorial dos bancos marisqueiros de Lourido e Praceres, a determinación da porcentaxe óptima de sedimentos para a creación e alimentación de novos bancos así como dos patróns morfodinámicos. Tamén recolle o desenvolvemento dun protocolo específico para a circulación de información para divulgar os resultados mediante seminarios e obradoiros en colaboración coas confrarías e intercambiar os datos máis relevantes.
A iniciativa, cuxos traballos prologaranse ata o ano 2027, conta cun orzamento de case 200.000 euros que contan con cofinanciación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) nun 70%. Nesta liña, o titular de Mar puxo en valor a aposta decidida da Xunta pola investigación que permitiu poñer en marcha diferentes actuacións que supuxeron a mobilización de 24 millóns de euros por parte deste departamento autonómico a investigación con centros punteiros como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que cumpre este ano o seu 50 aniversario, ou o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).