Ana Ortiz salienta a innovación e competitividade de Conservas Cerqueira como referencia do sector en Vigo

31 de Marzo de 2025

A delegada territorial visitou a empresa viguesa beneficiada pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA)

 Ana Ortiz salienta a innovación e competitividade de Conservas Cerqueira como referencia do sector en Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou a innovación e competitivade de Conservas Cerqueira como referencia do sector en Vigo. A representante autonómica visitou a empresa viguesa, que recibiu preto de 2,2 millóns de euros, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) para o sistema de envasado e baleirado e para novas liñas de produción e almacenaxe na súa planta de Rianxo.

“Estamos ante unha das firmas de referencia, tanto en sustentabilidade como en I+D+I  e na calidade, que contribúe a que Galicia sexa líder a nivel nacional e internacional tamén no eido da comercialización”, sinalou Ortiz. A delegada apuntou que a Consellería do Mar destina a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos de pesca e da acuicultura 10,5 millóns de euros.

Dende 1890 Conservas Cerqueira leva operando no eido da elaboración de conservas de peixes e mariscos frescos de gran calidade. Na actualidade, sitúase entre as 25 primeiras a nivel nacional nesta materia, e a súa produción, que supón unha facturación de 50 millóns de euros, distribúese en mercados nacionais e internacionais, sendo Europa, Asia e América os principais países exportadores.

Na planta de Vigo conta con máis de 200 traballadores, mentres que na de Rianxo, inaugurada en setembro de 2023, investiron 28 millóns de euros, e foi deseñada para superar o concepto clásico de usar e tirar, mediante un eficiente sistema de xestión de augas para a súa reutilización en cada proceso.

A produción de Conservas Cerqueira -entre as que se atopan mariscos, túnidos, cefalópodos, delicias do mar, ovas de peixe e outras especies como a sardiña- supera os 40 millóns de latas ao ano, e cumpren escrupulosamente os esixentes parámetros das seguintes certificacións: Norma IFS Food, Dolphin Safe, Metal e Estoxos Reciclables, Envases Reciclables e Norma Internacional 9001.

Logo cofinanciado