A delegada territorial da Xunta en Ferrol avanzou a próxima convocatoria de dúas novas ordes de axudas da Consellería do Mar dotadas de preto de 7,8 M€
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, Rosana González, coa que avaliou os proxectos aprobados ao amparo da última convocatoria das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.
A delegada territorial lembrou que o GALP A Mariña-Ortegal, ao que están adscritos os municipios de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, ademais dos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, é o encargado de xestionar no territorio estes fondos europeos.
Durante a reunión Aneiros tamén avanzou que a Consellería do Mar convocará nas próximas semanas dúas novas ordes de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo implementadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), dotadas con preto de 7,8 M€. Unha dotada de 6,9 M€ e destinada a afondar na mellora das condicións de traballo, na creación de emprego, no reforzo da innovación no conxunto da cadea de produción e subministración de produtos da pesca e a acuicultura, no fomento da economía azul ou o aproveitamento do patrimonio cultural e medioambiental. A segunda, que contará cun orzamento de 850.000 euros, estará destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP.
O encontro coa xerente do GALP enmárcase dentro da rolda de contactos con Concellos, axentes sociais e tecido socioeconómico da área que a delegada territorial vén mantendo de forma periódica.
