Aneiros destaca os preto de 90.000 euros en apoios concedidos pola Xunta á confraría de San Telmo de Mugardos para a mellora dos bancos marisqueiros

27 de Xaneiro de 2025

A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá as instalacións do pósito onde mantivo unha reunión co seu patrón maior, Borja Carbón

Aneiros destaca os preto de 90.000 euros en apoios concedidos pola Xunta á confraría de San Telmo de Mugardos para a mellora dos bancos marisqueiros
  • A responsable autonómica abordou co responsable da confraría a situación actual da mesma e as súas necesidades

  • Lembra que a Consellería do Mar ten aberto ata o próximo 3 de febreiro as axudas para proxectos colectivos para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos, onde se reuniu co patrón maior do pósito, Borja Carbón Bayolo, co que avaliou a situación actual da confraría e as súas necesidades.

Durante a visita ás instalacións, a delegada territorial destacou a mobilización de preto de 90.000 euros por parte do Goberno galego en apoios á confraría nos dous últimos anos que foron distribuídos a través de diferentes liñas de axudas encamiñadas a realización de diversas accións destinadas a reforzar a actividade extractiva, así como actuacións destinadas a mellorar as zonas produtivas e a implementación de medidas de conservación dos recursos mariños.

Así lembrou que o pósito recibiu entre 2023 e 2024 preto de 18.000 euros para a adquisición de máis dun millón de unidades de semente de ameixa xaponesa coa que mellorar a produtividade dos seus bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.

Ademais percibiron máis de 71.700 euros para proxectos de restauración da biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco da actividade marisqueira sustentable que investiron en mellorar a biodiversidade na enseada do Baño.

Nova convocatoria aberta

Aneiros lembrou durante a visita que a Consellería do Mar ten aberto ata o próximo 3 de febreiro unha nova convocatoria das axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMPA, para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables. Trátase dunha orde de subvencións destinada a confrarías, as súas federacións, organizacións de produtores e outras entidades asociativas que conta cun orzamento de 1,9 M€ para as anualidades 2025 e 2026, segundo explicou a delegada.

Poderán ser obxecto destas subvencións os proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños tales como actuacións de restauración da biodiversidade ou dos ecosistemas mariños incluídos bancos naturais, zonas de cría e reprodución das especies.

Logo cofinanciado