Alfonso Villares e Francisco Valladares asinaron o convenio que rexe a campaña ‘Ecolóxicos a Mares’
-
A Xunta achega 40.000 euros ao desenvolvemento desta iniciativa que inclúe accións nos campus universitarios galegos co fin de que a mocidade introduza o seu consumo na dieta diaria
-
O conselleiro destaca a acuicultura ecolóxica como unha oportunidade para abrir novos mercados nacionais e europeos, pois Galicia é a comunidade española con máis explotacións de mexillón e de algas
A Consellería do Mar e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) renovan a colaboración para seguir potenciando o consumo e difusión dos produtos ecolóxicos de Galicia, o que redundará na mellora da situación socioeconómica dos territorios que viven desta actividade. Do mesmo xeito, o departamento que dirixe Alfonso Villares dá continuidade ao compromiso de estimular, difundir e promocionar o sector marítimo-pesqueiro, intensificando o coñecemento do mesmo e aumentando a competitividade da cadea mar-industria.
O responsable autonómico, que estivo acompañado pola directora de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e o presidente do Consello Regulador, Francisco Valladares, asinaron este mércores o acordo que rexe esta colaboración. Así, baixo a denominación Ecolóxicos a Mares, desenvolveranse novamente distintas accións en espazos públicos, que ofrecerán unha experiencia culinaria única. Así, nos campus universitarios de Galicia, a través dunha experiencia sensorial, informativa e lúdica, convidarase ao alumando e persoal universitario a descubrir a riqueza dos produtos certificados e a incorporalos á súa alimentación diaria. Para elo, instalarase un posto onde os asistentes poderán degustar delicias do mar coa certificación ecolóxica, e que son: mexillóns, conservas e algas. Neste senso, ademais de catar o seu sabor, poderán coñecer o seus beneficios nutricionais e ambientais grazas a material informativo dispoñible no espazo.
Ademais, promoverase o uso das redes sociais como canle de difusión da iniciativa, incentivando a participación mediante o uso de etiquetas e retos virais que fomenten os valores da acuicultura ecolóxica. A través tamén de distinto material divulgativo, xerarase un impacto visual forte e comunicaranse de maneira efectiva as vantaxes dos alimentos ecolóxicos do mar de Galicia.
Á execución destas actuacións que teñen un orzamento total de 80.000 euros, a Consellería do Mar destina 40.000, co-financiados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Galicia, un referente en España
No transcurso da presentación da iniciativa, Alfonso Villares valorou o enorme labor de Craega que, dende hai máis dun cuarto de século, segue aportando un gran valor engadido aos alimentos, facendo os produtos certificados máis atractivos e convertendo a experiencia de compra nunha actitude de responsabilidade. Tal é así que, segundo avanzou o conselleiro, a venda dos produtos de mar con selo ecolóxico certificado multiplicouse por cinco nos últimos anos ata superar os 20 millóns de euros de facturación na actualidade, polo que animou a seguir colaborando, tanto administracións como entidades, para seguir ofrecendo as máximas garantías e calidade alimentaria á sociedade.
E é que Galicia, con máis de 150, é a comunidade autónoma de España que máis explotacións de acuicultura ecolóxica (mexillóns e algas silvestres e de cultivo) ten, e produce máis de 2.700 das máis de 4.000 nacionais. De feito, o 69% da produción do total de peixes, moluscos, crustáceos e plantas acuáticas de todo o territorio español está en Galicia.
Así, máis da metade do mexillón destínase ao mercado exterior, sendo Alemaña, Reino Unido e Austria, nesta orde, os principais importadores. O molusco galego tamén chega ata Dinamarca, Países Baixos e Italia. No caso das algas, concentradas tamén nas dúas provincias atlánticas, a produción ecolóxica atopou outro nicho de mercado na súa recolección sostible. Alcanzan un volume de ventas superior aos 1,5 millóns de euros. Estes dous produtos (algas e mexillón), son, por tanto, a base doutra actividade que contribúe a incrementar de forma exponencial as ventas.
O Craega naceu en 1997 e é o órgano encargado do control e certificación das producións ecolóxicas de Galicia. Trátase de alimentos da máxima calidade obtidos respectando o medio ambiente e conservando a fertilidade do chan mediante a utilización óptima dos recursos e sen recorrer a produtos químicos. Esta actividade conta cada vez con máis produtores e os seus alimentos teñen maior demanda porque os consumidores queren alimentos deste tipo, saudables, nutritivos e satisfactorios polas súas características organolépticas.