Esta iniciativa impulsada pola Confraría de Pescadores de Bueu suporá un investimento de máis de 140.000 euros e inclúe a instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta da rula bueuesa
-
No período 2016-2022 o Galp Ría de Pontevedra financiou 85 proxectos por valor de máis de 4,2 millóns permitindo a creación de 81 empregos a tempo completo
Hoxe foi presentado o proxecto Enerclas promovido pola Confraría de Pescadores de Bueu que ten como actuación principal a dotación dunha nova máquina de clasificado de cefalópodos á lonxa da localidade pontevedresa. Esta iniciativa supón un investimento pola Consellería do Mar de máis de 140.000 euros, a través do Galp Ría de Pontevedra e confinanciados con fondos europeos.
No acto estivo presente a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, que destacou que o novo equipamento permitirá responder dun xeito máis eficaz ás necesidades do sector da pesca artesanal da zona. Ademais, inclúe a incorporación dun novo programa informático co obxectivo de que se integre ao sistema de xestión existente na lonxa coa finalidade de mellorar a trazabilidade do produto e recompilar máis información sobre as capturas.
Esta iniciativa tamén recolle a instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta da rula co dobre obxectivo de subministrar a enerxía precisa para o funcionamento do novo equipamento e, á vez, disminuir a pegada de carbono da lonxa bueuesa. Unha actuación que, ademáis, procura concienciar ao conxunto da sociedade sobre a importancia de utilizar fontes de enerxía renovables como ferramenta para mitigar os efectos do Cambio Climático. No proxecto tamén colaborou a Federación Galega de Autismo na mellora da accesibilidade cognitiva da rula.
Galp Ría de Pontevedra
O GALP Ría de Pontevedra aglutina un total de 54 entidades socias, das que o 20% ao sector pesqueiro, o 57% pertence ao sector social, o 15% ao sector público e o 8% ao sector económico. No período 2016-2022 apoiou o desenvolvemento de 85 proxectos que supuxeron un investimento de máis de 4,2 M€ xerando 81 empregos a tempo completo.
A aposta polos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP), no marco do período de programación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), mantén a súa importancia nos novos orzamentos da Consellería do Mar con máis de 20 millóns de euros co obxectivo de seguir dinamizando as comunidades costeiras de Galicia.