A consellería do Mar traslada na Interfederativa de Confrarías do Cantábrico Noroeste a súa aposta pola pesca artesanal

17 de Outubro de 2025

A Xunta apoia esta modalidade pesqueira con 4,8M€, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura

  • O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica participou na clausura do encontro que se desenvolveu estes días en Viveiro

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participou este venres na clausura do Congreso de Pesca Artesanal CNW 2025, no que se analizou e reflexionou sobre aspectos que son comúns no caladoiro Cantábrico-Noroeste e que son decisivos para o futuro do sector pesqueiro. No encontro participaron as Federacións de Confrarías de Guipúzcoa, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.

Desde a Xunta de Galicia púxose en valor a recente aprobación dunha nova partida de axudas, que ascende a 2,8 millóns de euros, destinada a financiar os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e as súas asociacións. Con este investimento, o Goberno galego fomenta a mellora na actividade pesqueira, incluíndo a innovación e a xestións sostible desta modalidade de pesca e a explotación dos recursos mariños. 

Trátase da segunda edición destas achegas, coordinadas pola Consellería do Mar e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e que, suman un total de máis de 4,8 millóns de euros. Un investimento que permite que os destinatarios se consoliden como unha ferramenta clave para que o sector gañe en competitividade.

En Galicia a pesca artesanal é vital para a economía e a cultura. Dá emprego a unhas 10.000 pescadores e mantén indirectamente a máis de 16.560 persoas. Con máis de 3.800 pequenas embarcacións, repartidas en 80 municipios costeiros, esta modalidade representa o 60% do emprego pesqueiro, convertendo así a Galicia nunha das rexións europeas máis dependentes da pesca.

Logo cofinanciado