A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na Cofradía de pescadores de Cedeira no inicio da xornada informativa organizada polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal para dar a coñecer as oportunidades de financiamento dispoñibles a través do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, correspondentes á convocatoria 2026.
Esta xornada está dirixida ao tecido empresarial do territorio, especialmente ás entidades do sector pesqueiro, así como a concellos, asociacións e outros colectivos e persoas interesadas do ámbIto pesqueiro. Ten como finalidade ofrecer as claves para a correcta elaboración dos proxectos, así como proporcionar información sobre a estratexia do GALP e o procedemento administrativo para a concesión das axudas.
Ofrecerase unha visión práctica, co fin de que os potenciais promotores dispoñan das ferramentas necesarias para que os seus proxectos poidan acceder a financiamento FEMPA.
