A Consellería do Mar informou hoxe no Consello da Xunta da aprobación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) de ámbito autonómico para desenvolver en 2023
- Os plans elaborados para 2023 polas oito OPP de ámbito autonómico existentes en Galicia contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros e inclúen accións coas que perfeccionar a actividade extractiva, a produción dos distintos recursos mariños e a súa comercialización
- Os programas de traballo inciden en aspectos como a formación das tripulacións, a introdución de innovacións a bordo dos buques, a selectividade das artes ou a promoción dos produtos do mar, entre outras cuestións
- As organizacións de produtores pesqueiros están repartidas por todo o litoral de Galicia e a súa actividade é vital para a súa contorna, xerando empregos e riqueza que inciden no conxunto da economía galega
A Consellería do Mar informou hoxe no Consello da Xunta da aprobación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) de ámbito autonómico para desenvolver en 2023, os primeiros que se van financiar con recursos do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). Estes plans, deseñados polas oito entidades deste tipo existentes na comunidade, contan cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros e inclúen accións coas que perfeccionar tanto a actividade extractiva e a produción dos distintos recursos do mar como a súa comercialización.
Os programas de traballo aprobados ás OPP de ámbito autonómico vanse executar ao longo deste ano e no vindeiro exercicio poderán acollerse á convocatoria ordinaria de axudas aos plans de produción e comercialización, que será financiada con fondos Fempa ao entrar xa dentro do seu período de programación.
As distintas accións incluídas polas OPP nos seus plans prevén ese gasto de máis de 3,5 millóns de euros con medidas como a formación para actualizar os coñecementos dos armadores e tripulacións tanto en materias de prevención de riscos laborais e seguridade a bordo -na procura de minimizar as causas de accidentes e enfermidades profesionais derivadas do seu traballo- como na actualización das obrigas ante posibles cambios normativos neste eido.
No ámbito formativo tamén se inclúen actuacións relacionadas coa regulación en materia de hixiene ou de manipulación dos produtos a bordo que repercutan na mellora da súa comercialización. Ao mesmo tempo, tamén se busca introducir innovacións nos buques que melloren a actividade tanto desde o punto de vista económico -como podería ser a redución do consumo enerxético- como desde o medioambiental, na procura dunha pesca máis sustentable.
As OPP tamén inclúen entre as medidas máis destacadas accións para a protección e preservación do medio mariño coa recollida de información a bordo e iniciativas para evitar tanto a captura de especies non desexadas como a interacción con cetáceos e aves. A elas engádense as accións de promoción mediante a participación en feiras, a realización de degustacións ou distintas campañas para dar a coñecer os produtos pesqueiros dos asociados favorecendo a comercialización e a rendibilidade económica dos produtores.
Os plans de produción e comercialización aprobados para 2023 correspóndense coa Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPP-4), a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7), a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto da Coruña (OPP-13), a Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20), Porto de Celeiro SA (OPP-77), a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia, Acerga (OPP-82), a Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía de Ribeira (OPP-83) e Parquistas de Carril (OPP-89).
Estas oito OPP de ámbito autonómico están repartidas por todo o litoral de Galicia e a súa actividade, incluídas as actuacións previstas nos seus plans de produción e comercialización, é vital para a economía da súa contorna. De feito, son motores económicos na súa área de influencia, xerando empregos e riqueza que inciden no conxunto da economía de Galicia.