O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días a orde coa convocatoria destas axudas para apoiar iniciativas a desenvolver entre os anos 2023 e 2025
- A galega é a primeira comunidade autónoma que ten seleccionados os grupos, as estratexias aprobadas e lanza as achegas para a presentación de proxectos ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura para o período 2021-2027
- Os oito GALP elixidos para os próximos anos engloban a máis de 400 organizacións locais, preto dun cento delas pertencentes ao sector pesqueiro e que representan a máis de 13.000 profesionais do mar
- Entre 2016 e 2022 estas entidades desenvolveron máis de 700 accións cun apoio público de máis de 37 M€ cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e que supuxeron un investimento total de preto de 80 M€ así como a creación de máis de 400 empregos directos a tempo completo
O Consello da Xunta analizou hoxe a convocatoria deste ano de axudas a proxectos que se desenvolvan ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e que contan cun orzamento de 18,4 millóns de euros para iniciativas a desenvolver entre 2023 e 2025. Trátase da primeira convocatoria destas achegas, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) para o período 2021-2027.
Deste xeito, os potenciais beneficiarios destas axudas -pequenas e medianas empresas e persoas autónomas así como persoas xurídicas sen ánimo de lucro como as confrarías de pescadores ou outras entidades do sector- poden presentar proxectos ao abeiro dos oito GALP existentes na comunidade para aumentar o valor, crear emprego, valorar o fomento da participación das mulleres, atraer xente nova e promocionar a innovación en todas as fase da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura.
Entre os obxectivos das iniciativas tamén están o fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas, o aproveitamento do patrimonio medioambiental -incluídas as operación de mitigación do cambio climático-, o fomento do benestar social e do patrimonio cultural ou o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e a gobernanza dos recursos e actividades marítimas locais.
Para poder aplicar as estratexias de desenvolvemento local participativo, a Consellería do Mar seleccionou a finais do ano pasado oito GALP. Son os da Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte, SEO de Fisterra Ría de Muros e Noia. Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda.
Estes oito grupos engloban a máis de 400 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos, das que preto dun cento pertencen ao sector pesqueiro representando a máis de 13.000 profesionais do mar. Neste sentido, Galicia é a primeira comunidade autónoma que ten os grupos seleccionados, as súas estratexias aprobadas e lanza a convocatoria de axudas a proxectos ao abeiro do Fempa.
Resultados período FEMP
O Consello da Xunta tamén fixo un balance dos resultados acadados no desenvolvemento das estratexias de desenvolvemento local participativo no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Entre 2016 e 2022 desenvolvéronse algo máis de 700 proxectos ao abeiro dos GALP cun apoio público de máis de 37 millóns de euros e un investimento total de preto de 80 millóns de euros.
As iniciativas postas en marcha permitiron xerar máis de 400 empregos directos a tempo completo e a actividade inducida no conxunto da economía superou os 215 millóns de euros e supuxo a xeración de máis de 4.500 postos de traballo entre directos e indirectos froito do desenvolvemento dos proxectos ou da actividade apoiada.
Os GALP
Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desas estratexias.
A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fempa contribuirá -ao igual que xa fixeron os seleccionados ao abeiro do FEMP- a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e a xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.