Futuro dos fondos europeos
O pasado 11 de decembro, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse en Bruxelas co vicepresidente de Mar e Litoral de Bretaña, Daniel Cueff, e coa conselleira rexional, Gaëlle Le Meur.
Este encontro anual, celebrado á marxe das negociacións sobre os TAC (Totais Admisibles de Capturas) e as cotas, permitiu trocar impresións e preocupacións sobre os futuros financiamentos europeos destinados á pesca e á acuicultura para o período 2028-2034. A Comisión Europea propuxo en xullo pasado unha dotación mínima de 2.000 millóns de euros a nivel europeo, o que supón unha redución do 66 % con respecto ao orzamento do actual FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura), instrumento clave para a aplicación da Política Pesqueira Común.
No momento en que se inician as negociacións do Marco Financeiro Plurianual europeo 2028-2034, Bretaña e Galicia unen as súas voces para solicitar ao Parlamento Europeo e ao Consello un compromiso financeiro á altura dos retos ambientais, climáticos, económicos e sociais aos que se enfronta o sector pesqueiro europeo.
O reforzo deste orzamento resulta imprescindible para enfrontarse a retos futuros como garantir unha xestión sustentable dos recursos pesqueiros, apoiar a comercialización dos produtos do mar, acelerar a descarbonización das frotas ou fomentar proxectos innovadores no sector, entre outros.
Ante a perspectiva dunha integración dos financiamentos europeos en plans nacionais, Galicia e Bretaña solicitan tamén que as rexións estean plenamente implicadas na definición e na xestión dos fondos europeos destinados á pesca, á acuicultura e ao desenvolvemento local das zonas costeiras.
