Calvo salienta o apoio da Xunta a un sector no que Galicia é lider a nivel europeo con “2.600 empresas, 5.600 postos de traballo” e unha facturación de 200 M€ ao ano
-
A conselleira do Mar salienta que estas achegas, cofinanciadas polo Fempa, pemitirán a construción en Burela da primeira planta de cría de salmón da comunidade e de dous novos criadeiros de linguado en Cervo e Cambados
-
Coa posta en marcha destas tres instalacións, dotadas cunha axuda pública de 43,2 M€, crearanse uns 150 novos empregos, o que suporá un forte impacto no desenvolvemento socioeconómico destes territorios
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe o apoio da Xunta ao sector da acuicultura con “59,5 millóns en axudas para poñer en marcha novos proxectos empresariais ou mellorar a competividade dos xa existentes”. Deste xeito, Galicia “reforza o apoio ao tecido empresarial marítimo-pesqueiro en aras de aumentar a calidade e o valor engadido dos produtos”, indicou a conselleira do Mar, Marta Villaverde.
O Consello da Xunta deu conta da concesión destas achegas por parte da Consellería do Mar, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e a través das que o departamento autonómico aprobará 206 expedientes. Destes, 202 corresponden a investimentos produtivos realizados en empresas acuícolas. Dispoñen dunha axuda pública de 58,8 millóns de euros para un investimento total de 156 millóns. Os catro restantes, e cunha achega pública de 643.53,75 euros, son para actuacións que aumenten a eficiencia enerxética e fomenten a reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables. O investimento total neste caso ascende a de 1,6M€.
Do total dos beneficiarios, as axudas concedidas, preto do 94 %, están vinculadas coa producción do mexillón (construción ou modernización de bateas e de embarcacións auxiliares) destacando, nesta primeira convocatoria do Fempa, a forte aposta pola acuicultura en terra, en onde os criadeiros, granxas mariñas e piscifactorías continentais realizarán un investimento que se aproxima aos 140 millóns de euros. No marco destas accións, Villavarde salientou que se inclúen “a primeira planta de cría de salmón da comunidade en Burela, e dous novos criadeiros de linguado en Cervo e Cambados”. Tres proxectos aos que a Xunta “achegará 43,2 millóns de euros e que prevén xerar 150 postos de traballo”, salientou Calvo.
Os proxectos, ao detalle
A futura factoría de salmón que a compañía Seafood Legacy prevé iniciar no municipio da Mariña a finais de ano, e que empregará tecnoloxía RAS (sistema de recirculación da auga), supón un proxecto estratéxico para a diversificación do sector acuícola galego. As instalacións comporanse de dous edificios principais: unha nave de acondicionamento de auga e unha nave de produción. Entre todas ocuparán uns 25.000 metros cadrados, nos que se producirán unhas 3.000 toneladas de salmón. Esta iniciativa, apoiada polo Goberno galego con 25 millóns de euros, terá un enorme impacto en materia laboral, pois suporá a creación de ata 100 postos de traballo directos e indirectos.
A segunda das achegas, dotada con 13.295.585 euros, permitirá que Stolt Sea Farm constrúa en Cervo un novo edificio de linguado no que xa se está a levar a cabo o ciclo de nursery, preengorde e engorde. Esta ampliación conleva aumentar a superficie produtiva en 7.156 metros cadrados e unha produción dunhas 400 toneladas anuais. Con este proxecto, xeraranse uns vinte empregos directos.
A terceira das axudas, cifradas en 4.967.512 euros, facilitará que Aquacria Arousa execute o proxecto de modernización e construción dunha nova planta de cultivo en circuito pechado (RAS) de linguado, en Cambados. Esta achega permitirá que dita entidade empresarial duplique a súa capacidade de produción, pasando das 450 toneladas ao ano coas que opera na actualidade ás 900, cando se completen os traballos de construción e modernización planificados, no ano 2027.
Esta intervención engade 7.000 metros cadrados edificados aos 5.000 que xa están en funcionamento nun recinto que ocupa un total de 38.000m2, na parroquia de Castrelo. A posta en marcha deste criadeiro inclúe unha previsión de 25 novos postos de traballo.
Con estes tres proxectos, a Xunta de Galicia fortalece o tecido empresarial galego vinculado á actividade marítimo-pesqueira. Este importante esforzo inversor pon en valor, por tanto, a aposta do Goberno autonómico por un modelo acuícola competitivo e clave na economía azul de Galicia, no senso de asegurar o subministro alimentario e preservar os ecosistemas mariños.
A acuicultura, en cifras
Calvo lembrou que Galicia “é unha potencia a nivel europeo no eido da acuicultura” con “máis de 2.600 empresas” que só no 2024 superaron os 200 millóns de euros de facturación e que xeran “5.600 empregos directos”.
“Trátase dun dos motores da economía de Galicia”, engadiu a conselleira, quen destacou que a acuicultura é unha actividade que ten un papel clave “na seguridade alimentaria e no desenvolvemento socioeconómico do territorio”.
Ademais, esta actividade está chamada a ser un dos principais provedores de alimentos do mundo. Así o indica o informe SOFIA da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura, máis coñecida polas súas siglas en inglés FAO, e que sinala que, en 2024, a produción acuícola superou por primeira vez á pesca extractiva a nivel mundial.
