Galicia levará a voz das comunidades autónomas ao Consello de Ministros de Pesca da UE para defender os intereses do sector

27 de Setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participará o martes en Bruxelas no Consello de Agricultura e Pesca (Agrifish), integrada na delegación española e en representación das comunidades autónomas con competencias pesqueiras

  • A Xunta defenderá un marco financeiro específico e suficiente para a pesca máis alá de 2028, avanzar na renovación e descarbonización da frota e garantir maior estabilidade nas posibilidades de pesca fronte a terceiros Estados

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participará o vindeiro martes en Bruxelas no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish), integrada na delegación española e como representante do conxunto das comunidades autónomas con competencias pesqueiras. Galicia exerce esta responsabilidade durante o segundo semestre de 2026, de acordo co sistema de representación autonómica ante as institucións comunitarias.

A sesión de Pesca abordará asuntos de especial relevancia para o futuro do sector, entre eles o novo marco de financiación europeo á Política Pesqueira Común (PPC), á acuicultura e á política marítima para o período 2028-2034; a modificación do actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa); e as consultas sobre as posibilidades de pesca para 2027 con Reino Unido, Noruega e os Estados costeiros do Atlántico Nordeste.

Neste contexto, Galicia trasladará a necesidade de que a pesca conte no próximo período financeiro 2028-2034 cunha dotación suficiente, estable e claramente identificable, que permita atender as necesidades específicas dun sector estratéxico para numerosas comunidades autónomas e garanta capacidade para afrontar os retos económicos, sociais e ambientais dos próximos anos.

Villaverde incidirá tamén na importancia de avanzar nun marco comunitario que facilite a modernización, renovación e descarbonización da frota sen que os investimentos destinados a mellorar a eficiencia enerxética, a seguridade ou as condicións de vida a bordo sexan considerados automaticamente como incrementos da capacidade pesqueira.

Outro dos asuntos prioritarios será a negociación das posibilidades de pesca para 2027. Galicia defenderá a necesidade de ofrecer estabilidade e seguridade xurídica á frota comunitaria nas negociacións con Reino Unido, Noruega e os demais Estados costeiros, especialmente nas pesqueiras nas que a falta dun acordo global de reparto está a provocar importantes reducións das posibilidades de captura da frota da Unión Europea.

A participación no Consello de ministros permitirá tamén trasladar a posición conxunta das comunidades autónomas directamente no marco no que os Estados membros debaten as principais decisións da política pesqueira europea. Galicia asumiu esta representación o pasado mes de xuño, tomando o relevo de Andalucía.

Logo cofinanciado