Contribuirán a avanzar no proceso de modernización da frota, iniciada no 2018
-
Refórzase o labor deste servizo único en España cos 18,2 M€ consignados para o 2026
-
No 2025, atendéronse 140 emerxencias e realizáronse unhas 97.000 inspeccións
O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, incorporará dúas novas patrulleiras e doce vehículos todoterreo pick up á súa frota para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo. A Xunta publicou hoxe na Plataforma de Contratación o prego de prescricións técnicas, cuxa base de licitación se sitúa nos 453.750 euros.
Cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), estas incorporacións permiten avanzar no proceso de modernización da frota iniciada no ano 2018, e que xa supuxo a renovación de arredor dunha vintena de unidades que están distribuídas entre as bases que o organismo ten na costa galega e nas instalacións centrais.
Servizo único en España
Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun servizo como o de Gardacostas. Por iso, no 2026, a Xunta dedicará 18,2 millóns de euros a manter as prestacións e calidade do labor que realizan durante todos os días do ano.
Este departamento dispón dun equipo humano de alta especialización técnica, composto por 144 efectivos, repartidos entre os servizos principais de Santiago de Compostela, e as nove bases operativas, situadas en Celeiro, Ferrol, A Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo. Nos últimos anos, tamén se reforzou a área de Inspección Veterinaria, ata acadar un corpo de 23 profesionais para mellorar a trazabilidade co control dos produtos que chegan ao mercado. A Consellería tamén subvenciona os vixilantes que son contratados directamente polas confrarías.
En canto aos medios técnicos dos que dispón na actualidade, estes divídense en: navais (4 buques multipropósito, 9 patrulleiras e 11 unidades de planadoras semirríxidas), aéreos (helicópteros Pesca 1, con base en Vigo; e Pesca 2, con base en Celeiro) e terrestres (69 vehículos, 4 camionetas, 2 camións e 3 naves nas bases de Tragove, Sada e Celeiro).
30 anos salvando vidas
Durante os seus máis de 30 anos de historia, Gardacostas salvou a vida de máis de 1.800 persoas, facendo fronte ademais á contaminación, á protección da contorna mariña e á loita contra o furtivismo.
Ao longo deste ano, este servizo autonómico atendeu 140 emerxencias, das que 90 foron SAR, é dicir, de busca e salvamento marítimo, e 50 de loita contra a contaminación mariña. Polo que respecta ás inspeccións, as operacións realizadas ascenden a 97.000.
