Mar colabora coa confraría de Lira na promoción dos produtos da Reserva Mariña `Os Miñarzos`

02 de Agosto de 2025

Marta Villaverde participou na degustación, celebrada hoxe

  • Este apoio é unha das accións incluídas na programación do Fempa, a través do que a rula recibiu o pasado ano preto de 250.000 euros

  • Declarada en 2007, foi a primeira reserva de interese pesqueiro da costa atlántica

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na degustación dos produtos da Reserva Mariña Os Miñarzos, organizada pola confraría de pescadores de Lira, e financiada pola Administración autonómica, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

Este apoio por parte do Goberno galego é unha das accións incluídas na programación destas achegas que, en 2024, ascenderon a preto de 250.000 euros e permitiron, ademais da promoción dos produtos pesqueiros, a formación de novos profesionais, co fin de fomentar o relevo xeracional; a mellora da calidade das capturas coa instalación dun produtor de xeo e auga salgada, a seguridade e das condicións de traballo; o acondicionamento do banco marisqueiro A Berberecheira; a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños; e a dixitalización da confraría. Asemade, a través de Portos de Galicia, entre outras actuacións, tamén está prevista a cuberta da lonxa, cun orzamento de máis de 180.000 euros.

A rula de Lira, que rexistrou en 2024 un volume de negocio de 900.000 euros pola venda de preto de 74 quilos de distintas especies, conta coa certificación pescadeRías onde se non? para a primeira venda de cefalópodos e crustáceos e para a conxelación de polbo, produto que se comercializa baixo a marca colectiva Polbo de Lonxa, na que están integradas tamén as confrarías de Fisterra, Corcubión, Muros, O Pindo e Porto do Son, e que garante a orixe e a calidade aos consumidores.

18 anos de existencia

A Reserva Mariña Os Miñarzos, creada en 2007, foi a primeira de interese pesqueiro da costa atlántica. Ocupa unha extensión de 2.074 hectáreas e ten por obxectivo principal impulsar a recuperación e conservación das poboacións das especies explotadas. En abril de 2024 o Consello da Xunta aprobou o plan de xestión para esta zona, destinado á mellora da ordenación pesqueira e á conservación da súa biodiversidade.

Logo cofinanciado