Mar conclúe a rexeneración do banco marisqueiro de O Bohído coa sementeira de ameixa xaponesa e babosa nunha superficie de 1,2 millóns de metros cadrados

15 de Xullo de 2025

Ángeles V. Suárez participou na segunda fase do proxecto de sementeira

  • Esta actuación inclúese no encargo de xestión a Seaga para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños por valor de 1,3M€ 

  • A colaboración do Igafa e do CIMA de Ribadeo fixo posible a semente de 190.500 unidades destas dúas especies na zona indicada 

  • Estes apoios súmanse ás dúas convocatorias habilitadas pola Consellería este ano para a restauración e conservación dos bancos marisqueiros, dotadas con 1,9M€

A Consellería do Mar conclúe a segunda fase da rexeneración do banco marisqueiro de O Bohído, incluída no marco do encargo de xestión a Seaga para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños por valor de 1,3 millóns de euros para o período 2023-2025. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou este martes na segunda parte deste proxecto que contempla a sementeira de ameixa babosa e xaponesa nesta zona da ría de Arousa, non sometida a plan de xestión. 

Nesta xornada, sementáronse 19.000 xuvenís de babosa e 25.800 de xaponesa, procedentes do Centro de Investigacións Mariñas de Ribadeo e, no mes de maio, foron outras 145.700 unidades de babosa criadas nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Estes traballos permitiron así a renovación do substrato dunha zona que abarca unha superficie total de 1,2 millóns de metros cadrados.

Máis apoios da Consellería

A maiores, o Goberno galego lanzou no mes de xaneiro dúas convocatorias de axudas para financiar proxectos colectivos de restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, así como para a compra de cría de bivalvos coa que resementar zonas na que se produciu unha perda de produtividade.

Destinadas a confrarías, federacións e entidades sen ánimo de lucro vinculadas a estas, organizacións de produtores e entidades asociativas do sector pesqueiro, están dotadas con 1,9 millóns de euros para o período 2024-2025, co-financiados polo Fondo  Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e dirixidas a financiar limpezas, remocións ou emendas de substrato; dragados, aportacións ou traslados de áridos; eliminación de obstáculos que modifican as correntes; prevención, control e eliminación de especies exóticas invasoras; traslados ou sementeiras especies marisqueiras, entre outras actuacións que contribúan a restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, incluídos os bancos naturais, as zonas de cría e a reprodución de especies. 

 

Logo cofinanciado