Mar e a confraría de Camariñas exploran vías de colaboración en prol da recuperación do marisqueo

23 de Febreiro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e a xefa territorial da Coruña, María Cancelo, encabezaron o encontro
 

  • Analizaron as dúas ordes de axudas que a Xunta pon a disposición dos pósitos con este obxectivo, e que están dotadas con 2,2 M€

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, acompañada da xefa territorial de Mar da Xunta na Coruña, María Cancelo, reuníronse este luns con representantes da confraría de Camariñas co fin de explorar novas vías de colaboración para a recuperación dos bancos marisqueiros. 

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que os distintos departamentos da Consellería que dirixe Villaverde están a manter coas diferentes confrarías galegas para avanzar en solucións e accións consensuadas que garantan o seu futuro e o mantemento da actividade que desenvolven.

Deste xeito, abordaron as dúas ordes de axudas publicadas pola Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG) no mes de xaneiro e que están, precisamente, destinadas a este fin. Unhas achegas que o Goberno galego pon a disposición das confrarías e que contan cun investimento total de 2,2 millóns de euros. A primeira, cifrada en 1,9 millóns, e cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e a segunda, con 300.000 euros, sufragados ao 100 % con fondos propios da Consellería do Mar. 

Coa súa posta en marcha, a Administración autonómica busca promover a elaboración e desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en prol das poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños. Neste senso, serán subvencionables actuacións relacionadas coa restauración da biodiversidade e dos ecosistemas, incluídos os bancos naturais, zonas de cría e reprodución das especies, ademais de actividades que impliquen a redución da contaminación física e química, medidas de conservación positivas, así como accións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que dificulten a reprodución dos organismos mariños.

Logo cofinanciado