Con esta actuación, a Xunta reforza o compromiso co marisqueo, a protección do medio mariño e a economía azul
- Nos últimos tres anos, sementáronse nesta zona preto de 3.000 metros cadrados con 337 quilos de xuvenís de ameixa babosa e xaponesa
A Consellería do Mar, no obxectivo de conservar e restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, sementou este martes 130.000 unidades novas de ameixa babosa procedentes do minicriadeiro do Vicedo, dependente do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou nesta acción, realizada nunha superficie de 500 metros cadrados, e que se suma a outras levadas a cabo nesta zona nos últimos tres anos.
Concretamente, entre maio de 2022 e novembro de 2025 sementáronse no banco do Bohído 337 quilos de xuvenís de ameixa (1.088.534 unidades), correspondendo a meirande parte a babosa (316,65 quilos-1.061.334 unidades) cunha talla media global de 27,8 milímetros. A superficie total sementada no período indicado foi de 2.934 metros cadrados.
A directora xeral informou destes datos, poñendo en valor que o marisqueo é un pilar fundamental na economía e na identidade costeira de Galicia. Neste senso, apuntou que, con esta iniciativa, o que se procura é recuperar a actividade dos bancos e preservar o equilibrio ecosistémico do litoral. Uns traballos que contaron cun investimento no período (2023-2025) de 6.620.637 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicutura (Fempa).
Segundo subliñou Ángeles V. Suárez, con esta acción a Xunta “reforza o compromiso coa protección do medio mariño e a economía azul”, obxectivos que terán continuidade o vindeiro ano, ao consignar nos Orzamentos de 2026 partidas específicas por valor de 3.975.000 para a explotación sustentable dos recursos, a mellora das zonas de produción e protección dos ecosistemas, e as paralizacións temporais. Cabe lembrar que, nesta zona concreta, este último trimestre será de veda e o primeiro de 2026 de parada biolóxica, polo que as persoas mariscadoras recibirán as correspondentes compensacións económicas.
11 sementeiras
O banco do Bohído é unha zona de libre marisqueo dentro da ría de Arousa que tradicionalmente vén sendo clave para a actividade do marisqueo de bivalvos na rexión. Está asociada xunto a outros bancos como Cabío e Os Lombos do Ulla na xestión dos recursos marisqueiros. O proxecto inclúe a semente de cría de moluscos, a mellora do substrato, a retirada de especies invasoras e a monitorización ambiental das zonas intermareais. Unhas actuacións que se realizan en base a criterios científicos e de sostibilidade, contando coa colaboración das confrarías e os centros de investigación mariña.
Trátase da onceava sementeira que se realiza neste banco marisqueiro. Entre maio de 2022 e xullo de 2023, sementáronse un total de 496.284 unidades de ameixa babosa e 4.500 de xaponesa. De maio a novembro de 2025 retomáronse os traballos cun total de 565.050 exemplares da primeira especie e 22.700 da segunda.
Estas accións contribúen a paliar a situación xerada debido a que o stock de bivalvos se viu minguado nos últimos anos a consecuencia das altas choivas e da alta temperatura e baixa salinidade da auga provocadas por situacións meteorolóxicas excepcionais. A repoboación, coa realización de sementeiras, axuda ao mantemento da actividade marisqueira e facilita o mantemento da biodiversidade da zona.
