Mar pon a disposición os cursos de formación sanitaria inicial que permiten aos profesionais do sector seguir enrolados

07 de Decembro de 2025

Na clausura dun destes cursos, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou que a Xunta realiza estas formacións para dar cobertura á falta de convocatorias do Instituto Social de la Marina (ISM)
 

  • A Consellería do Mar publicará en xaneiro a orde para apoyar a realización de novos cursos en 2026

A Consellería do Mar pon a disposición do sector os cursos de Formación Sanitaria Inicial, unha capacitación obrigatoria para que os tripulantes poidan enrolarse nos buques pesqueiros e cumprir cos requisitos establecidos pola normativa marítima, ante a falta de convocatorias por parte do Instituto Social de la Marina (ISM).

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na clausura do último destes cursos, celebrado na Pobra do Caramiñal, e subliñou que “é esencial para garantir a seguridade a bordo, a correcta atención sanitaria en situacións de emerxencia e o cumprimento dos procedementos de embarque”.

Lembrou que, ata agora, a Mariña Mercante permitía o enrole provisional daqueles tripulantes que acreditaban ter solicitado o curso, pero coa entrada en vigor da nova plataforma electrónica esa excepción quedou suprimida, xerando unha alta demanda inmediata de formación no sector.

A directora xeral explicou que, ante a elevada demanda e a ausencia temporal de cursos impartidos polo Instituto Social da Mariña (ISM), a Consellería do Mar activou medidas extraordinarias para evitar que os profesionais do mar visen limitada a súa capacidade de embarque.

A Xunta organiza estes cursos mediante a formación non regrada nas escolas náutico-pesqueiras autonómicas en Ribeira, Ferrol, Vigo e o Igafa (A Illa de Arousa), con ampla oferta anual de cursos sanitarios e de seguridade marítima. Por outro lado a través das confrarías, mediante cursos subvencionados pola orde de formación, cando estas entidades solicitan formación específica para o seu colectivo. Unha oferta complementada polos cursos promovidos directamente pola Consellería do Mar, en resposta a necesidades puntuais non cubertas, ou en colaboración con entidades acreditadas, para garantir unha resposta inmediata en momentos de demanda excepcional.

A responsable autonómica anunciou que en xaneiro se publicará a nova orde de formación, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que permitirá dar continuidade ás accións formativas dirixidas ao sector do mar e planificar con maior estabilidade a oferta anual, evitando situacións de saturación como as que se produciron nas últimas semanas.

Profesionalización e a seguridade no mar

Ángeles V. Suárez sinalou que “o obxectivo é garantir que ningún profesional do mar quede sen posibilidade de embarcar por falta dunha formación obrigatoria. Por iso activamos todos os mecanismos dispoñibles para atender ao sector con rapidez e eficacia”. Tamén puxo en valor o compromiso da Xunta coa mellora da capacitación da xente do mar, lembrando que a formación sanitaria e de seguridade é un piar fundamental na prevención de riscos a bordo. “A profesionalización é a mellor garantía para un sector máis seguro, máis forte e con máis futuro”, remarcou.

Logo cofinanciado