A conselleira do Mar participou na inauguración do XXVII ForoAcui, que se celebra no Grove
-
Galicia achega preto do 70 % da produción nacional, convertendo a España no principal produtor da UE
-
Un escenario que é o resultado do valor diferencial dos enclaves naturais nos que se desenvolve e no que o labor investigador de centros como o Intecmar xogan un papel esencial en aras de impulsar a competitividade e a sustentabilidade deste sector
-
A conselleira do Mar apelou, novamente, á responsabilidade do Goberno central e da Comisión Europea para que o novo marco financeiro siga asegurando a estabilidade e a soberanía alimentaria que ofrece este sector
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este xoves a vixésimo sétima edición do Foro dos Recursos Mariños e a Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui), onde destacou o potencial deste sector como elemento clave na soberanía alimentaria e o desenvolvemento socioeconómico da costa galega. E é que Galicia achega preto do 70 % da produción nacional, convertendo a España no principal produtor da Unión Europea.
Un escenario que, engadiu, é o resultado do valor diferencial dos enclaves naturais nos que se desenvolve e no que a investigación xoga un papel esencial en aras de impulsar a competitividade e a sustentabilidadade deste sector. Neste senso, Villaverde agradeceu e puxo en valor o traballo que desenvolven os centros da Consellería do Mar, como é o caso do Intecmar, cuxa directora, Covadonga Salgado, foi a protagonista da conferencia inaugural do simposio que se celebra no Grove.
En defensa do sector
A titular do Mar referiuse así a esta actividade como unha alternativa sostible e de futuro en tanto en canto proporciona alimentos esenciais e de sustento, protexendo, en paralelo, aos mares, ríos e océanos. Por iso, Villaverde considera imprescindible que a Unión Europea adopte políticas eficaces para realizar unha xestión rigorosa co fin de protexer a biodiversidade acuática; un campo no que o Goberno galego xa está tomando medidas na liña do Pacto Verde Europeo, e dunha das súas iniciativas clave, a Estratexia Da Granxa á Mesa; así como demandando un financiamento comunitario que siga asegurando a prioridade nº 2 do actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) relativa á acuicultura, pero que se pode ver en perigo se a proposta anunciada pola Comisión Europea sobre o novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 sae adiante.
Marta Villaverde manifestouse contundente respecto a este asunto, pois o novo modelo de financiamento é moi prexudicial para o sector, polo que, desde finais de xullo, a Xunta está a demandar en todos os foros nos que é posible que, tanto que o Goberno central como a Comisión Europea, fagan todo o posible para asegurar que Galicia conte cunha ferramenta financeira eficaz e suficiente para a estabilidade e o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro, e un proxecto ambicioso que impulse a sustentabilidade, a seguridade, a soberanía alimentaria e a competitividade dos profesionais do mar.
