Martina Aneiros lembra que está aberto o prazo para solicitar as axudas de modernización dos equipamentos portuarios

06 de Febreiro de 2026

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o pósito ferrolán que percibiu unha achega de máis de 304.000 euros no 2025
 

  • Esta convocatoria da Consellería do Mar conta cun orzamento de 10 M€ a repartir entre as anualidades 2026 e 2027

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá os investimentos executados pola Confraría de Pescadores de Ferrol, un dos proxectos beneficiarios dos apoios da Consellería do Mar para a modernización e mellora dos equipos e das infraestruturas dos portos pesqueiros na anterior convocatoria. A responsable autonómica puxo en valor o impacto positivo que estas accións teñen e animou aos axentes beneficiarios a concorrer á nova convocatoria que está aberta ata o próximo 2 de marzo, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

Tal e como puido comprobar a delegada, a axuda foi destinada á adquisición a adquisición dun posto de pesaxe e unha fábrica de xea, así como á realización de diversas obras na lonxa como cambio de portas de acceso, termo ou actuacións nos vestiarios. Todas estas obras foron acometidas cunha achega de máis de 304.000 euros.

Durante a visita, na que estivo acompañada de membros da directiva do pósito ferrolán, Aneiros lembrou que a convocatoria está destinada a confrarías de pescadores, agrupacións do sector pesqueiro, organizacións de produtores, cooperativas, asociacións profesionais de persoas pescadoras, mariscadoras e redeiras, e conta cun orzamento de 10 M€ a repartir entre as anualidades 2026 e 2027 para a modernización de equipamentos e infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque, rulas e ancoradoiros.

Así mesmo destacou que o obxectivo co que traballa a Xunta é o de “fomentar un sistema portuario pesqueiro máis eficiente, tecnoloxicamente avanzado, enerxeticamente sostible, seguro e resiliente fronte ao cambio climático así como integrador desde o punto de vista social”. Os proxectos subvencionados estarán dirixidos á transición renovable, protección do medio ambiente e redución da pegada de carbono; á mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas traballadoras; e a garantir a calidade e control da rastrexabilidade dos produtos do mar.

Na convocatoria anterior, a Xunta apoiou con cargo a estas axudas ás confrarías de Ferrol, Pontedeume, Barallobre e Cedeira cunha achega total de 775.330 euros, apostando con esta e outras convocatorias polo futuro das comunidades mariñeiras.

Logo cofinanciado