Martina Aneiros lembra que o prazo para presentar proxectos á convocatoria dos GALP finaliza o próximo 16 de febreiro

29 de Xaneiro de 2026

A delegada territorial visitou esta mañá en Cedeira a empresa Juan García Pesca, S.L., beneficiaria das axudas nunha convocatoria anterior
 

  • Esta orde de subvencións cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura-Fempa conta cunha dotación plurianual de 7,75 M€ ata 2028

  • Está destinada a confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro, Concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como pequenas e medianas empresas e persoas físicas, entre outros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto ao alcalde da localidade, Pablo Moreda, a empresa Juan García Pesca, S.L., un dos proxecto beneficiarios dos apoios da Consellería do Mar, despregados a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal. A responsable autonómica puxo en valor o impacto positivo que estas accións teñen nos municipios costeiros e animou a concorrer á nova convocatoria que está aberta ata o próximo 16 de febreiro.

Aneiros destacou esta iniciativa que percibiu unha achega autonómica de preto de 104.000 euros cos que a empresa ampliou a súa liña de negocio, creando unha liña de embarquetado de filete, lomo e colas, adquirindo os investimentos necesarios como unha termoselladora, compresor, detector de metais, sistema de etiquetaxe e pesaxe, mangas de difusión téxtil, carrito de transporte de oito alturas, descamador, así como mobiliario para mellorar as condicións laborais do seu persoal. “Este proxecto mellorará a competitividade do sector pesqueiro, a dotación de infraestruturas empresariais, as condicións de traballo e propiciará a creación de emprego na zona”, explicou Aneiros.

A delegada territorial explicou que esta orde de axudas conta cunha dotación plurianual de 7,75 M€ ata 2028 -cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa)- e está destinada a confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro, Concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica con domicilio fiscal e social en Galicia, entre outros. A finalidade, segundo dixo, é a de contribuír ao obxectivo europeo de permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas. “Estas axudas pretenden afondar na mellora das condicións de traballo, na creación de emprego, no reforzo da innovación no conxunto da cadea de produción e subministración de produtos da pesca e a acuicultura, no fomento da economía azul ou o aproveitamento do patrimonio cultura e medioambiental”, destacou a delegada territorial.

O GALP A Mariña-Ortegal agrupar a cinco concellos da zona: Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, ademais dos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e RIbadeo.

Logo cofinanciado