O acondicionamento da nave de envasado de Celeiro afronta a súa recta final

21 de Xaneiro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro analizou coa confraría de Celeiro o proxecto, que conta cun investimento da Xunta de 1,2 M€
 

  • Na xuntanza cos representantes do pósito tamén se interesou pola convocatoria das axudas GALP deste ano, e cuxo prazo para solicitalas rematará o 16 de febreiro

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, abordou coa confraría de pescadores de Celeiro os últimos investimentos realizados pola Consellería do Mar neste municipio costeiro, co fin de seguir apoiando a actividade pesqueira da Mariña lucense. Un exemplo desta colaboración é o proxecto de modernización da nave de envasado de produtos do mar, situada en Viveiro, e cuxo acondicionamento afronta a súa recta final.

Esta actuación, na que a Xunta inviste 1,2 millóns de euros, a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (Fempa), permitirá afianzar e valorizar os produtos da zona, xa que dota á industria pesqueira local dun novo servizo, inexistente ata o de agora na localidade e na zona circundante.

Aberto o prazo para as axudas GALP

No marco da xuntanza, a directora xeral e os representantes do pósito tamén abordaron as axudas que convoca este ano a Consellería no marco das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Unha “nova oportunidade”, segundo avanzou a directora xeral, “para seguir impulsando o tecido económico e empresarial do territorio que abarca o Grupo de Acción Local A Mariña-Ortegal”, é dicir, os municipios do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, na provincia de Lugo; e os de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, na da Coruña.

Con estas achegas, cofinanciadas tamén co Fempa, a Xunta financiará neste exercicio distintos proxectos que contribuirán a dinamizar esta zona costeira tamén desde o punto de vista turístico. As accións seleccionadas poderán recibir, con carácter xeral, ata o 50 % do gasto subvencionable, en función da puntuación obtida, cun importe máximo de 200.000 euros e, no caso do sector da pesca, ata 250.000 euros, dependendo da súa tipoloxía.

Asemade, estas axudas poderán incrementarse ata o 100 % cando se trate de proxectos de interese e beneficiarios colectivos ou iniciativas vinculadas á pesca artesanal. O data límite para formalizar a súa solicitude é o 16 de febreiro.

Logo cofinanciado