O Plan de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia 2030 investirá 34,7 millóns de euros na mellora dos peiraos e as lonxas da comunidade

05 de Outubro de 2023

Esta estratexia define as actuacións da Consellería do Mar nas dársenas galegas en materia de infraestruturas e dotacións para o traballo vinculado coa actividade extractiva e a primeira venda de peixes e mariscos

O Plan de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia 2030 investirá 34,7 millóns de euros na mellora dos peiraos e as lonxas da comunidade
  • Ponse o foco nos portos como epicentro do desenvolvemento socioeconómico e territorial das vilas costeiras, incrementando en máis dun 62 % o apoio que este tipo de actuacións mobilizou entre os anos 2016 e 2023

  • A planificación vai na liña dos obxectivos do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, orientados a reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e medioambientalmente sostibles

A Consellería do Mar presentou hoxe ao Consello da Xunta o Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030, onde se recolle a estratexia para o que resta de década en materia de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. O documento reflicte que o conxunto das actuacións a realizar tanto polo sector como pola Xunta contará a partir do próximo ano con máis de 34,7 millóns de euros en recursos, onde o 70 % virán da man do novo Fondo europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) e o resto (dez millóns de euros) serán fondos propios da Consellería.  

A cantidade destinada a este tipo de dotacións é case un 63 % superior ao apoio mobilizado para estas actuacións entre 2016 e 2023. Durante este tempo, marcado polo programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que agora finaliza o seu percorrido, mobilizáronse máis de 21,3 millóns de euros en preto de 470 actuacións.

O novo plan, con horizonte 2030, é froito dun intenso traballo que recolle as aportacións dos actores do propio sector pesqueiro a través dunha consulta pública que permitiu avaliar a situación actual das instalacións e as súas necesidades. A estas contribucións de confrarías, asociacións sectoriais e organizacións de produtores súmase o coñecemento  dos técnicos da Consellería do Mar e do ente público Portos de Galicia. Ademais, contouse co centro tecnolóxico EnergyLab para a elaboración dun plan de descarbonización e neutralidade climática dos portos galegos, atendendo ás diferentes tipoloxías e casuísticas identificadas no sistema portuario autonómico.

 

A planificación dos investimentos en equipamentos contempla intervencións precisas no ámbito pesqueiro para dotar ou optimizar as instalacións que prestan servizos ás persoas como usuarios do porto, aos buques como elemento necesario para a actividade pesqueira e á propia pesca, co fin de mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros desembarcados, facilitar o cumprimento da obriga de desembarque e o aproveitamento total de todas as capturas.

Outras liñas estratéxicas pasan polo aumento da eficiencia enerxética ademais de contribuír á protección do medio ambiente. A mellora da seguridade e as condicións de traballo acompañarase por unha aposta decidida pola xestión intelixente e dixitalizada dos portos. Tamén se busca preparar as infraestruturas para afrontar posibles eventos meteorolóxicos provocados polo cambio climático.

Dentro dun sistema portuario composto por 128 portos que se distribúen ao longo do seu litoral, 122 deles xestionados de forma directa pola Xunta a través do ente público Portos de Galicia, o documento establece unha tipoloxía de clasificación de 63 portos pesqueiros  que emprega variables como o importe de vendas e a poboación pesqueira asociada á confraría do territorio, así como o volume de descargas no caso dos pósitos con maiores niveis de actividade. Os catro tipos de dársenas -que van das máis activas ás que menos-, xunto coa súa especialización produtiva en peixes ou mariscos, permite orientar as necesidades de investimento en cada un dos peiraos e as súas lonxas.

Este plan segue os criterios que marca o novo fondo Fempa e con el da forma á estratexia de mellora constante destas instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar a competitividade do sector e a súa rendibilidade de forma sostible nos eidos económico, social e medioambiental.

Investimentos necesarios e adaptados

O punto de partida do plan marcarao a convocatoria de axudas de 2024 para estas actuacións que nas próximas semanas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Dela poderán beneficiarse confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores de pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. No marco desta estratexia, a este tipo de accións do sector poderán sumarse iniciativas realizadas por execución propia desde a Administración autonómica.  

Son obxecto destes apoios as actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e da seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras. Ademais serán subvencionables as iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.  

Utilizando o plan como base, a Consellería do Mar pretende que tanto as actuacións propias como as convocatorias destas axudas para equipamentos pesqueiros continúen adaptándose ás necesidades do sector, introducindo as novas posibilidades que xurdan polo desenvolvemento tecnolóxico e que respondan tamén as demandas marcadas en áreas como a descarbonización e a neutralidade climática.

No histórico de proxectos destacan, pola súa relevancia e envergadura, actuacións como a modernización da fábrica de xeo da Confraría de Cambados, cun investimento de 600.700 euros que mellorou o rendemento da instalación e a súa eficiencia enerxética. Tamén as obras na lonxa de Testal-Noia, ás que se dedicaron preto de 584.000 euros e que melloraron as condicións de traballo das persoas mariscadoras, e a modernización das instalacións de frío da lonxa de Cedeira cun investimento de 507.700 euros, entre outras accións.

Logo cofinanciado