A oficina Es.Mar de Vigo contribuirá a aumentar a competitividade da cadea mar-industria da zona dende a innovación e a optimización da xestión empresarial

07 de Febreiro de 2025

Villares inaugura este servizo dirixido a un mellor e maior aproveitamento dos fondos Fempa

  • Destaca que esta iniciativa terá un efecto decisivo no impulso da actividade marítimo-pesqueira que xera o porto olívico, considerado a porta atlántica da pesca conxelada

  • As oficinas de Ferrol e Vilagarcía entraron en funcionamento recentemente e proximamente farano as de Pontevedra, Ribeira e A Coruña

  • Esta rede de oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia busca facer rendibles as axudas europeas, pois a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías; é dicir, máis de 366M€

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurou este venres, en Vigo, a terceira das sete oficinas Es.Mar que o departamento que dirixe está a poñer en funcionamento, co fin de ofrecer ao sector pesqueiro asesoramento relacionado co aproveitamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027 para impulsar a competitividade e a transformación da cadea mar-industria.

Acompañado da delegada da Xunta na cidade olívica, Ana Ortiz, Villares puxo en valor este novo servizo que terá un efecto decisivo no desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira, así como na xestión empresarial da mesma. E é que o porto vigués pechou o 2024 cun forte crecemento na carga refrixerada, o que reforza o seu posicionamento como porta atlántica para a pesca e a froita conxelada.

A rede de oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia forma parte do paquete de medidas liderado polo Goberno galego para optimizar os recursos económicos que proveñen de Europa, pois a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías, o que supón máis de 366 millóns de euros. Neste senso, inclúen accións como a simplificación dos recursos humanos, reprogramacións das medidas ou a simplificación das convocatorias, coas cales mitigar os obstáculos aos que se enfronta a pesca galega á hora de acceder a estes recursos debido á lexislación complexa e confusa do fondo que deriva nun atraso xeneralizado da tramitación e a incoherencia entre os prazos temporais administrativos cos biolóxicos e operativos do sector.

Estas instalacións prestarán un servizo híbrido -con oficinas físicas e unha virtual- o que permitirá ofrecer unha atención particularizada ás necesidades de cada potencial beneficiario do Fempa. Nestes espazos ofrecerase información sobre os investimentos amparados polo fondo, asesoramento na execución das actuacións financiadas, así como no ámbito da competitividade empresarial. Cada oficina conta cun equipo especializado e con experiencia previa en contratación pública para enfrontar con solvencia o reto de incrementar as axudas concedidas e fortalecer o grao de diálogo co sector e o tecido empresarial.

Asesoramento, obradoiros e formación

A de Vigo súmase así ás oficinas xa inauguradas en días pasados en Ferrol e Vilagarcía de Arousa. Proximamente, será a quenda das de Pontevedra, Ribeira e A Coruña, abarcando o conxunto do litoral galego. Trátase dunha iniciativa que conta cun investimento que supera os 1,8 millóns de euros.

Este espazo prestará servizo a outros dez municipios que son, ademais do indicado, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Xunto co servizo de asesoramento, inclúe na súa programación unha serie de obradoiros e de actividades relacionados coa remuda xeracional, a dixitalización e a innovación, a xestión de axudas públicas, a internacionalización e mesmo formación sobre a lexislación pola que se rexe a economía azul.

Os Galp

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) de Galicia, dependentes da Consellería do Mar, entre os que se atopa o Galp Ría de Vigo-A Guarda, tamén xogan un papel destacado na distribución das axudas con financiación comunitaria para apoio a proxectos cun importante impacto nas poboacións costeiras. Son un total de oito en todo territorio galego. Agrupan a 409 organizacións locais, das que 97 pertencen ao sector pesqueiro, representando a máis de 13.000 traballadores. No 2024 foron aprobados 133 proxectos ao abeiro destes apoios, que contaron cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e supuxeron a mobilización de case 21 millóns de euros.

 

Logo cofinanciado