As políticas en favor do complexo mar-industria de Galicia e as actuacións portuarias mobilizarán máis de 243 M€ nos orzamentos para 2024

27 de Outubro de 2023

O conselleiro do Mar compareceu no Parlamento para presentar as cifras do seu departamento para o próximo exercicio

  • As contas da Consellería do Mar son as maiores desde 2010 e acumulan un incremento nos últimos oito anos que sitúa por enriba do 66%

  • Co obxectivo de aproveitar o novo fondo Fempa porase en marcha unha rede de oficinas para facilitar o asesoramento e tramitación a todo o territorio costeiro

  • A aposta polo coñecemento e a ciencia ao servizo do sector marítimo-pesqueiro traducirase nun aumento dos fondos para I+D+i de case o 50%, con firmes apostas por Redemar, o reforzo do Observatorio Costeiro ou Intecmar, que sube un 25%

  • A frota verá triplicados os apoios para a súa modernización mentres que medra un 6,5% o capítulo para ensinanzas pesqueiras, que rolda os 10,5 millóns de euros

  • Os fondos destinados á dinamización dos mercados e promoción dos produtos do mar crecen case un 30% e con 42 millóns potenciarán a internacionalización

  • As actuacións para o desenvolvemento sostible e a conservación e mellora do litoral reforzan os seus recursos preto do 60% contando con máis de 21 millóns, evolución e contía similares coas que traballarán os GALP para dinamizar a costa

  • O apoio a investimentos en acuicultura duplícase o ano próximo e favorecerá a ámbitos como a miticultura e, por primeira vez en anos, tamén para a piscicultura

  • Os peiraos galegos contarán con 14,6 millóns de euros para a súa mellora, cifra á que se sumarán as actuacións de modernización das infraestruturas pesqueiras

  • Alfonso Villares tamén salientou o reforzo do Servizo de Gardacostas, que supera os 30,2 millóns nas súas contas tras dar entrada a medios aéreos máis modernos

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe no Parlamento que Galicia disporá o ano próximo dos maiores orzamentos da súa historia, onde preto das tres cuartas partes irán a gasto social ao tempo que se reforzan os investimentos. Dentro deste gran esforzo orzamentario, as contas da Consellería do Mar en solitario achéganse en 2024 aos 215 millóns de euros tras medrar o 1,2%, unha porcentaxe que, sumada aos incrementos acumulados desde 2016, representa un avance do 66% e o maior orzamento desde 2010.

Sen embargo, as partidas para o conxunto das políticas destinadas ao complexo mar-industria e ás infraestruturas portuarias da comunidade superarán os 243 millóns de euros en 2024, froito de sumar os orzamentos da propia Consellería -descontadas as transferencias- aos de Portos de Galicia e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, entidades que dependen deste departamento. Esta contía global ten como obxectivo reforzar o compromiso da Xunta de protexer á xente do mar e o seu medio de vida.

No exercicio onde entra plenamente en vigor o novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), que asigna a Galicia máis de 360 millóns de euros para o seu período de vixencia dos 735 destinados ao conxunto das autonomías, Alfonso Villares marcouse o reto de aproveitar cada euro e evitar que se perdan recursos. Con este obxectivo porase en marcha unha rede de oficinas que dará servicio a todo o territorio costeiro que asesorará e facilitará os trámites aos representantes da cadea mar-industria que podan percibir estas axudas, contribuíndo ao desenvolvemento dos seus proxectos.

Aposta pola ciencia

Será un 2024 no que outro dos grandes obxectivos será que Galicia se reforce na vangarda da investigación marítimo-pesqueira, como proba o aumento próximo ao 50% dos recursos vinculados ao Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxico, que disporá de preto de 7 millóns de euros. Haberá importantes subas, como a do 40% nos fondos para acelerar a evolución da pioneira Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, Redemar, que disporá de 1,75 millóns de euros.

Outros dous millóns, ademais, serán dirixidos a dixitalización de servizos e información dirixida á cidadanía (un 140% máis) e reforzarase o investimento no Observatorio Costeiro de Galicia con 320.000 euros extra cos que se pretende que esta ferramenta axude aínda máis a entender, de forma anticipada, o impacto nas rías galegas do cambio climático.

O conselleiro destacou especialmente o labor en apoio do sector e da calidade dos produtos do mar dun dos promotores deste Observatorio Costeiro, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), unha actividade que converte a este centro en referencia a nivel europeo e mundial. O ano próximo o orzamento deste organismo científico superará os 5,1 millóns de euros tras medrar un 25% e acumular un incremento na última década que supera o 92%. Pola súa banda, as contas do Cetmar experimentan unha suba do 3,6% e roldan os 4,3 millóns de euros.

Frota, formación e internacionalización

O titular de Mar explicou durante a súa intervención na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento que ademais do coñecemento científico se pretende o ano próximo reforzar a formación ligada ao mundo mariño, peza fundamental para contribuír a acadar a remuda xeracional no sector. O programa de ensinanzas pesqueiras incrementa un 6,5% e superará o ano próximo os 10,5 millóns de euros.

A outra das grandes vías para facer máis atractivo embarcarse para os máis novos, a da mellora das condicións a bordo, verá medrar os seus recursos ata case triplicar as contías do ano en curso, pois contarase con 7 millóns de euros para a modernización da frota.

Alfonso Villares tamén puxo énfase na liña estratéxica que xira arredor de GALICIA SABE AMAR, a que se dirixe á promoción dos produtos do mar da pesca, o marisqueo e acuicultura tanto en accións locais como en novos países. Os fondos destinados á dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo aumentan preto do 30%, ata cerca de 42 millóns de euros.

Once millóns de euros teñen como fin a promoción directa e entre as súas a actuacións está a de facilitar a presenza de pequenas e medianas empresas galegas do sector mar-industria nos principais salóns e feiras de España e do mundo. O éxito desta aposta pola internacionalización e por facilitar ao sector a posibilidade de establecer contactos comerciais en outros países queda patente tralo récord exportador que acadaron os produtos do mar e a conserva da comunidade o ano pasado, cando superaron a barreira dos 2.700 millóns de euros.   

Explotación sostible, acuicultura e potencia portuaria

A aposta pola explotación sustentable dos recursos, a protección do litoral e do medio mariño conforman outra das grandes prioridades que se plasman nos orzamentos de Mar para 2024. Baixo o amparo do novo Fempa, para actuacións dedicadas ao desenvolvemento sostible e a conservación, mellora e xestión das zonas de produción medran preto dun 60% os recursos e superan os 21 millóns de euros.

Dentro das grandes apostas para o ano que ven tamén se atopa un forte incremento dos fondos para apoiar investimentos en acuicultura, que superan os 20,6 millóns de euros tras case duplicar as contías do presente exercicio (10,9 millóns). Ademais de reforzar o compromiso con sectores como o mexilloeiro, de novo promovendo actuacións para mellorar a produtividade e facilitar aos bateeiros distintas vías de acceso á mexilla, por primeira vez en anos permitirán afrontar investimentos importantes en materia de piscicultura. Esta liña de apoios tivo alta demanda e esgotou todos os fondos en 2023.

O próximo ano tamén se buscará reforzar a potencia portuaria que é Galicia, cunha rede conformada por 128 dársenas, seis delas de interese xeral do Estado e 122 xestionados directamente pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia. O compromiso da Xunta para o ano próximo é o de investir máis de 14,6 millóns de euros en áreas que van da modernización de edificios portuarios á dotación e mellora de diques de abrigo e amarres. Ao mesmo tempo, tamén se actuará na mellora dos servizos e dixitalización e introdución de novas tecnoloxías a nivel administrativo nos peiraos.

A evolución dos peiraos irá tamén da man da posta en marcha do Plan de Equipamentos nos Portos Pesqueiros de Galicia 2030, que recolle a estratexia para a modernización das infraestruturas nas que traballan os profesionais do mar da comunidade e que nos próximos anos mobilizará preto de 35 millóns de euros. Amparado xa no Fempa, a distintas actuacións deste programa de acción dirixiranse máis de 11 millóns de euros.

Dimensión social, acción local e seguridade

Entrando no plano máis sociocultural, as contas para 2024 da Consellería do Mar recollen un novo pulo para o recentemente aprobado Plan da Cultura Marítima de Galicia, que busca poñer en valor todo o patrimonio material e inmaterial que rodea á tradición marítimo-pesqueira galega. Ao mesmo tempo preténdense reforzar os traballos que ultiman a elaboración da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia, ferramenta chamada a marcar a política pesqueira do futuro. Para estas dúas accións e para outros estudos cóntase cunha dotación de 450.000 euros.

O conselleiro sinalou que tamén están chamadas a ser protagonistas esenciais nas contas de Mar o próximo ano as iniciativas ligadas ao desenvolvemento local participativo. Así, vanse a destinar 20 millóns de euros a reforzar o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dentro dun fondo Fempa que recoñece o seu labor vital na dinamización das zonas costeiras. Estes recursos medran preto dun 67% interanual.

A Consellería do Mar volverá, un ano máis, a reforzar áreas fundamentais e estratéxicas para a protección do medio mariño como son o Intecmar e o Servizo de Gardacostas de Galicia: Neste último caso, a galega é a única comunidade española que conta con servizo propio, para o cal destinará o ano próximo 30,2 millóns de euros, un 12,3% máis.

Descontados os capítulos de persoal e gastos, Gardacostas dispón de case 18 millóns de euros para garantir a súa operatividade, un 19% máis ca no presente ano. Detrás da forte suba está o novo contrato dos helicópteros, que permitirá contar con dúas aeronaves máis modernas e capaces, xunto coa renovación de patrulleiras e vehículos terrestres.

Alfonso Villares rematou a súa intervención sinalando que estas contas buscan contribuír a acadar un sector mar-industria sustentable tanto no eido ambiental como no económico, onde se incrementen as oportunidades para as persoas que viven do mar, e onde Galicia continúe como a rexión líder en Europa na defensa do sector pesqueiro, mentres protexe o seu litoral e as competencias plenas sobre a súa costa.

Logo cofinanciado