Salienta que o obxectivo é facer “moito máis asequible” o proceso e axilizar a posta en marcha dos proxectos
-
Por primeira vez, non será necesario que os beneficiarios presenten un aval ou unha garantía de pagos a conta para recibir estas axudas
-
O conselleiro do Mar resalta que esta liña de subvencions contribúe a obxectivo europeo de permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras acuícolas
-
“Galicia ten no mar unha riqueza extraordinaria que hai que aproveitar”, indica Villares
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou simplificar o acceso ás axudas xestionadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e dirixidas ao sector pesqueiro para facer o proceso “moito máis asequible”. Unhas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), que estarán dotadas “de 14,6 millóns de euros ata 2027”.
Tal e como explicou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a partir desta convocatoria xa non será necesario que os beneficiarios “presenten un aval” o unha garantía dos pagos a conta para recibir as axudas. Esta medida é pioneira, xa que é a primeira vez que se introduce nesta orde de axudas, e procura facilitar que entidades como as confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar, asociacións de profesionais do sector e outras entidades vinculadas ao ámbito marítimo pesqueiro, podan beneficiarse dun xeito máis áxil e doado destes recursos para o desenvolvemento dos seus proxectos.
Esta liña de subvencións está distribuída en tres anualidades ata o 2027, contribúe ao obxectivo europeo de permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras acuícolas. Entre os seus obxectivos está afondar na mellora das condicións de traballo, na creación de emprego, no reforzo da innovación no conxunto da cadea de produción e subministración de produtos da pesca e a acuicultura, no fomento da economía azul ou o aproveitamento do patrimonio cultural e medioambiental.
Villares lembrou que “Galicia ten no mar unha fonte de riqueza extraordinaria” que hai que aproveitar para dinamizar as localidades costeiras. Por iso, resaltou que estas achegas van dirixidas a diferentes proxectos “que xeren novas oportunidades, novos postos de traballo e axuden a fixar poboación” nestas vilas.
Deste xeito, as bases reguladoras, que serán publicadas proximamente, continúan coa súa tramitación e recollen tamén entre os seus potenciais beneficiarios as pequenas e medianas empresas, institucións públicas locais ou asociacións sen ánimo. Nesta liña no 2024 contaron con axudas públicas un total de 133 proxectos, 54 (40,60%) foron de actividade económica e 79 (59,6%), accións sen ánimo de lucro que permitiron a creación de emprego é de 120 empregos a tempo completo. Iniciativas que contaron cun apoios autonómicos que alcanzaron os 11,7 millóns de euros e supuxeron un investimento privado de 9,2 millóns de euros máis, recursos que permitiron promover un impulso económico e social significativo nas comunidades costeiras.
Os GALP
Tal e como explicou Rueda, os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) son “asociacións sen ánimo de lucro” colaboradoras da Consellería do Mar como axentes que “pontencian e asesoran iniciativas e proxectos para dinamizar e revitalizar as zonas pesqueiras”.
A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fempa contribuirá -ao igual que xa fixeron os seleccionados ao abeiro do FEMP- a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e a xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.