Villares sinala as oficinas Es.Mar como aceleradoras de proxectos do sector pesqueiro cunha produción na zona de preto de 27 mil toneladas cun valor de 73 M€

25 de Febreiro de 2025

Nova oficina da rede autonómica de asesoramento ao sector pesqueiro na Coruña

 Villares sinala as oficinas Es.Mar como aceleradoras de proxectos do sector pesqueiro cunha produción na zona de preto de 27 mil toneladas cun valor de 73 M€
  • O titular de Mar recordou a importancia do porto de Coruña e a súa área de influencia na pesca Galega como primeiro porto en descarga de peixe fresco e segundo por facturación da comunidade  

  • Tamén explicou que a rede autonómica presta asesoramento ás empresas e potenciais beneficiarios dos apoios con fondos Fempa, axudando no acceso e a execución das actuacións financiadas así como no ámbito da competitividade empresarial

  • A oficina atenderá as demandas dos profesionais e entidades do sector de vinte concellos costeiros da zona e está previsto a organización de obradoiros, accións formativas e de divulgación enfocadas tamén á innovación

A Xunta continúa despregando a nova rede de oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia por todo o litoral da comunidade e que ten como obxectivo axudar ao conxunto da cadea mar-industria a sacar o máximo aproveitamento dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurou hoxe a quinta das sete oficinas previstas na cidade de Coruña onde sinalou que este servizo actuará como acelerador de proxectos de sector pesqueiro o que permitirá afondar na súa modernización e transformación, algo imprescindible ao tratarse dunha actividade estratéxica para a economía galega.

Nesta liña, o responsable autonómico recordou a importancia do porto coruñés e da súa área de influencia no ámbito da pesca, ocupando o primeiro posto en descarga de peixe fresco e o segundo por facturación, cunha produción de preto de 27 mil toneladas que alcanzan un valor de máis de 73 millóns de euros no conxunto dos vinte concellos que serán atendidos por esta nova oficina Es.Mar.  Cifras que reflicten o potencial do sector que agora contará coa posibilidade de acceder a un servizo híbrido, complementando a oficina física con unha virtual, que ofrece unha atención particularizada ás necesidades de cada potencial beneficiario do Fempa.

Alfonso Villares, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou que a oficina da Coruña conta cun equipo especializado e con experiencia previa en contratación pública para enfrontar con solvencia o reto de incrementar as axudas concedidas e fortalecer o grao de diálogo co sector e o tecido empresarial. Ademais, acollerá obradoiros que alternarán as modalidades presenciais e telemáticas da man de expertos que abordarán temáticas de especial interese para o sector como a remuda xeracional, a dixitalización, a innovación, a xestión das axudas públicas, internacionalización ou a normativa, entre outras. Ferramentas que pretende contribuír á diversificación económica e a xeración de novas oportunidades ademais de promover sectores innovadores e emerxentes no ámbito da economía azul.

Esta rede forma parte do paquete de medidas posto en marcha polo Goberno galego para acadar un maior aproveitamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027. Entre elas tamén destacan accións como a ampliación dos recursos humanos, reprogramacións das medidas ou a simplificación das convocatorias, coas cales mitigar os obstáculos aos que se enfronta a pesca galega á hora de acceder a estes recursos debido á lexislación complexa e confusa do fondo que deriva nun atraso xeneralizado da tramitación e a incoherencia entre os prazos temporais administrativos cos biolóxicos e operativos do sector.

O titular de Mar, sinalou que a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías o que supón máis de 366 millóns de euros. Uns recursos, dixo, fundamentais para o conxunto da cadea mar-industria, estratéxica para a economía galega, e que serven para a consecución de obxectivos como a mellora da súa competitividade e sostibilidade. Nesta liña, recordou que a esta oficina súmanse as de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ferrol, ás que se engadirán nos vindeiros días dúas máis localizadas en Ribeira e Viveiro, abarcando o conxunto do litoral galego nas que a Xunta investiu máis de 1,8 millóns de euros na súa posta en funcionamento.

Axudas dos Galp

Alfonso Villares tamén recordou que os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) de Galicia, dependentes da Consellería do Mar, entre os que se atopa o Galp Golfo Ártabro Sur, tamén xogan un papel destacado na distribución das axudas con financiación comunitaria para apoio a proxectos cun importante nas poboacións costeiras. Estas entidades agrupan a 409 organización locais das cales 97 pertencen ao sector pesqueiro que representan a máis de 13.000 traballadores. No 2024 foron aprobados 133 proxectos ao abeiro destes apoios que contaron cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e que supuxeron a mobilización de case 21 millóns de euros.

 

Logo cofinanciado