Villares sitúa as novas oficinas Es.Mar como motor da modernización e transformación da cadea mar-industria multiplicando o impacto dos fondos europeos

06 de Febreiro de 2025

Inauguración da segunda oficina da rede Es.Mar Economía Azul de Galicia

  • O responsable autonómico resaltou a importancia da ría de Arousa no ámbito da produción acuícola da comunidade e subliñou que este no servizo permitirá potenciar estas actividades cun efecto directo nas poboacións costeiras da zona

  • O obxectivo é axudar ás empresas e potenciais beneficiarios informando sobre os investimentos amparados polo Fempa, asesorando no acceso e a execución das actuacións financiadas así como no ámbito da competitividade empresarial

  • A oficina atenderá as demandas dos profesionais e entidades do sector de once concellos costeiros da zona e está previsto a organización de obradoiros, accións formativas e de divulgación enfocadas tamén á innovación

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurou hoxe a nova oficina Es.Mar en Vilagarcía de Arousa, a segunda das sete que compoñen a rede, coas que a Consellería do Mar busca avanzar no aproveitamento dos fondos europeos por parte do conxunto da cadea mar-industria. O responsable autonómico situou este novo servizo como motor da modernización e transformación da actividade pesqueira de Galicia e subliñou o especial efecto que pode ter na ría de Arousa, referente autonómico no ámbito da produción acuícola así como os seus efectos no desenvolvemento económico das poboacións costeiras da zona.

Alfonso Villares acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, explicou que a rede de oficinas Es.Mar Economía Azul de Galicia, forma parte do paquete de medidas posto en marcha polo Goberno galego para acadar un maior aproveitamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027. Entre elas tamén destacan accións como a ampliación dos recursos humanos, reprogramacións das medidas ou a simplificación das convocatorias, coas cales mitigar os obstáculos aos que se enfronta a pesca galega á hora de acceder a estes recursos debido á lexislación complexa e confusa do fondo que deriva nun atraso xeneralizado da tramitación e a incoherencia entre os prazos temporais administrativos cos biolóxicos e operativos do sector.

O titular de Mar, sinalou que a comunidade ten asignados 4 de cada 10 euros destinados ás autonomías o que supón máis de 366 millóns de euros. Uns recursos, dixo, fundamentais para o conxunto da cadea mar-industria, estratéxica para a economía galega, e que serven para a consecución de obxectivos como a mellora da súa competitividade e sostibilidade. Nesta liña, recordou que a esta oficina sumaranse nos vindeiros días cinco máis localizadas en Vigo, Pontevedra, Ribeira, A Coruña e Viveiro, abarcando, polo tanto, o conxunto do litoral galego nas que a Xunta investiu máis de 1,8 millóns de euros na súa posta en funcionamento.

Apoio aos potenciais beneficiarios

As oficinas Es.Mar prestarán un servizo híbrido -con oficinas físicas e unha virtual- o que permitirá ofrecer unha atención particularizada ás necesidades de cada potencial beneficiario do Fempa. Nestes espazos ofrecerase información sobre os investimentos amparados polo fondo, asesoramento na execución das actuacións financiadas así como no ámbito da competitividade empresarial. Cada oficina conta cun equipo especializado e con experiencia previa en contratación pública para enfrontar con solvencia o reto de incrementar as axudas concedidas e fortalecer o grao de diálogo co sector e o tecido empresarial.

A oficina de Vilagarcía de Arousa contará cun espazo de coworking e acollerá obradoiros que alternarán as modalidades presenciais e telemáticas da man de expertos que abordarán temáticas de especial interese para o sector como a remuda xeracional, a dixitalización, a innovación, a xestión das axudas públicas, internacionalización ou a normativa, entre outras. Ferramentas que pretenden contribuír á diversificación económica e a xeración de novas oportunidades ademais de promover sectores innovadores e emerxentes no ámbito da economía azul

Axudas dos Galp

Alfonso Villares tamén recordou que os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) de Galicia, dependentes da Consellería do Mar, entre os que se atopa o Galp Ría de Arousa, tamén xogan un papel destacado na distribución das axudas con financiamento comunitario para apoio a proxectos cun importante nas poboacións costeiras. Esta entidades agrupan  a 409 organización locais das cales 97 pertencen ao sector pesqueiro que representan a máis de 13.000 traballadores. No 2024 foron aprobados 133 proxecto ao abeiro destes apoios que contaron cunha axuda pública de 11,7 millóns de euros e que supuxeron a mobilización de case 21 millóns de euros.

 

Logo cofinanciado