Estas achegas, cofinanciadas co Fempa, permitirán modernizar a frota, avanzar na transición enerxética do sector e aumentar o valor engadido das capturas
-
Entre as convocatorias Femp e Fempa, o Goberno galego apoiou preto de 400 proxectos, cuxo investimento total supera os 16 M€
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, animou a solicitar a partir de hoxe as axudas para a mellora da seguridade e a eficiencia de buques pesqueiros, dotadas con 6,4 millóns de euros e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Con esta liña de apoios, desde a Xunta, tal e como explicou Villaverde, “estamos contribuíndo a impulsar unha frota máis segura, eficiente e competitiva”. E é que as accións subvencionables están dirixidas a mellorar as condicións laborais e de seguridade das tripulacións, reducir o impacto ambiental da actividade pesqueira, incrementar a eficiencia enerxética e aumentar o valor engadido e a seguridade alimentaria dos produtos do mar.
A orde dá cobertura a actuacións como a modernización de buques, a instalación de equipamentos de seguridade e salvamento, melloras na habitabilidade e conectividade a bordo, investimentos en sistemas de propulsión máis eficientes e menos contaminantes, auditorías enerxéticas, adaptacións das artes de pesca para aumentar a selectividade ou proxectos orientados á valorización das capturas.
O prazo de solicitude é dun mes. Os interesados poden consultar as características e os requisitos das mesmas na sede electrónica da Xunta ou nas oficinas Es.Mar que a Consellería do Mar ten a disposición do sector no litoral galego.
Case 400 proxectos
O prazo para solicitar as axudas é dun mes e comezou hoxe coa publicación no día de onte da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Desde o anterior Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Femp) 2014-2020 ata a actualidade a Xunta financiou 394 proxectos por un importe superior aos 16 millóns de euros.
Na primeira convocatoria Fempa, correspondente á do 2025, concedéronse 129 proxectos por preto de 7,9 millóns de euros, duplicando amplamente a media do período anterior e consolidando unha tendencia á alza no interese do sector por modernizar a frota e avanzar cara a unha pesca máis sostible.
