Co fin de facilitar as peticións ao sector, a orde inclúe, como novidade, a posibilidade de pedir anticipos ou pagamentos á conta sen ter que presentar garantías
-
O obxectivos destas achegas é fomentar uns portos máis eficientes, avanzados tecnoloxicamente, sostibles, seguros e resilientes fronte ao cambio climático, así como máis integradores socialmente
-
Desde o 2018 ata o 2025, a Xunta subvencionou preto de 400 proxectos, que supuxeron un investimento de case 26M€
As confrarías de pescadores, agrupacións do sector pesqueiro, organizacións de produtores, cooperativas, asociacións profesionais de persoas pescadoras, mariscadoras e redeiras xa poden solicitar as axudas da nova orde habilitada pola Xunta por valor de 10 millóns de euros para a modernización de equipamentos e infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque, rulas e ancoradoiros.
Así o destacou este sábado a conselleira do Mar, Marta Villaverde, na visita realizada á lonxa de Testal, xestionada polo pósito noiés, co fin de animar aos axentes beneficiarios a acollerse a estes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) para o período 2026-2027.
A responsable autonómica, que estivo acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, explicou que esta orde ten como novidade a posibilidade de solicitar anticipos ou pagamentos á conta sen ter que presentar garantías, “unha medida que facilita o desenvolvemento dos proxectos aprobados, reduce cargas financeiras e administrativas e permite unha execución máis áxil das actuacións”, detallou.
O obxectivo, continuou, é “fomentar un sistema portuario pesqueiro máis eficiente a nivel económico, tecnoloxicamente avanzado, enerxeticamente sostible, seguro e resiliente fronte ao cambio climático así como integrador desde o punto de vista social”. Así, os proxectos subvencionados estarán dirixidos á transición renovable, protección do medio ambiente e redución da pegada de carbono; á mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas traballadoras; e a garantir a calidade e control da rastrexabilidade dos produtos do mar. Os interesados poden consultar toda a información na sede electrónica da Xunta e nas oficinas Es.Mar.
Preto de 400 proxectos
A Xunta reafirma deste xeito o seu compromiso co sector pesqueiro, apoiando iniciativas que favorezan o desenvolvemento sostible, a creación de emprego e o futuro das comunidades mariñeiras. Precisamente, o pósito noiés foi un dos beneficiarios das axudas do 2025.
No período comprendido entre o ano 2018 e 2023 dentro do período rexido polo Femp co 75 % de cofinanciamento, subvencionáronse un total de 272 actuacións por un importe de 14.236.710 euros. Dende o ano 2023 ata o 2025, no marco do Fempa, cun apoio do 70 %, realizáronse 123 actuacións que suman un importe de 11.758.711 euros.
