Villaverde chama á unidade na defensa dunha Política Pesqueira Común descentralizada e con financiación para atender ás necesidades da cadea mar-industria

14 de Outubro de 2025

A conselleira do Mar compareceu no Parlamento para abordar as políticas pesqueiras europeas

  • A conselleira do Mar puxo en valor o traballo impulsado polo Goberno galego xunto ao sector no marco do Consello Galego de Pesca onde foron aprobados ditames que establecen a folla de ruta de Galicia en Bruxelas

  • Marta Villaverde afeou que o Goberno central non atendera a petición de Galicia e outras cinco comunidades para convocar a Conferencia Sectorial e que non fora constituído o grupo de traballo comprometido no Consello Consultivo de setembro

  • Tamén rexeitou a proposta de novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 proposto da Comisión que supón un “ataque frontal” a un sector estratéxico e esixiu ao Executivo comunitario a súa reformulación antes de elevalo ao Parlamento europeo

  • A responsable autonómica fixo entrega á Cámara do Ditame aprobado por unanimidade do Consello Galego de Pesca o pasado 3 de outubro sobre a proposta comunitaria e o seu impacto nos fondos dedicados á pesca  

  • A titular de Mar reiterou a oposición da Xunta respecto ao veto á pesca de fondo nas 87 áreas do Atlántico nororiental promovendo o recoñecemento singular do palangre demersal na normativa autonómica, estatal e comunitaria

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, compareceu este martes no Parlamento de Galicia para informar dos avances realizados polo departamento que dirixe relativos á xestión das políticas europeas que afectan á pesca. Alí, a responsable autonómica defendeu unha Política Pesqueira Común (PPC) descentralizada e dotada economicamente para responder ás necesidades específicas da cadea mar-industria. Nesta liña, puxo en valor o labor realizado polo Goberno galego no marco da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) no que a comunidade ostenta a presidencia do Grupo de Traballo de Pesca.

Marta Villaverde expuxo que esta entidade, interlocutor estratéxico ante instancias europeas, sacou adiante o documento Contribución da CRPM á consulta pública da Comisión sobre o Funcionamento do Regulamento da PPC que foi presentado o pasado mes de abril ao Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis. En paralelo, en Galicia impulsouse en consenso co sector e no marco do Consello Galego de Pesca a elaboración do Decálogo estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da PPC. Estes documentos foron complementados co Informe sobre o impacto sobre sector pesqueiro do conxunto de propostas lexislativas e non lexislativas da Comisión Europea elaborado en colaboración coa Fundación MarInnleg.

Un traballo serio e rigoroso que configura a folla de ruta de Galicia e que ofrece argumentos consistentes na defensa dunha reforma da política pesqueira comunitaria actual que non cumpriu os obxectivos da súa configuración inicial e que precisa adaptarse aos requirimentos actuais. Deste xeito, a comunidade, principal rexión pesqueira co continente, avoga por unha rexionalización da xestión pesqueira que aposte polo equilibrio entre as dimensións social, económica e ambiental ademais de estar sustentada no mellor coñecemento científico dispoñible. Tamén a actualización do concepto de zona altamente dependente da pesca, a potenciación da remuda xeracional, a dotación dunha definición de pesca artesanal a preservación do patrimonio marítimo ou o fomento da economía azul.

Un labor que Marta Villaverde contrapuxo á actuación do Goberno central que non deu resposta á demanda de Galicia xunto con outras cinco comunidades que xestionan máis da metade deste fondo destinado a España, que reclamaron en xullo a celebración dunha Conferencia Sectorial para abordar a proposta do Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034 da Comisión de cara a establecer unha estratexia conxunta fronte ao proceso de negociación desta proposta. O  Ministerio non actuou ata o pasado mes de setembro convocando un Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola onde o Executivo estatal asumiu a liña de traballo da comunidade aínda que a responsable autonómica afeou que a día de hoxe non foi constituído o grupo comprometido coas CCAA para traballar conxuntamente.

Ataque frontal

A conselleira do Mar sinalou que a actual proposta de MPF constitúe un “ataque frontal” nos eidos económico, de xestión e político a un sector estratéxico. Así, recordou que Galicia é unha das maiores beneficiarias do actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e Acuicultura (Fempa) con 366 millóns de euros que quedarían reducidos a 120 millóns de euros de saír adiante a iniciativa. Ademais, estes recursos estarían diluídos nun macrofondo cuxos criterios de reparto quedarían en mans de cada Estado membro, relegando ás rexións a meros executores económicos das contías que outros decidan destinar ao sector marítimo-pesqueiro sen posibilidade de participar nos procesos de toma de decisións.

Villaverde chamou á unidade fronte a un erro “histórico” que suporía a desaparición dun instrumento propio que demostrou a súa eficacia desde o ano 1993, que compromete a equidade e eficacia da PPC, afectando ao principio de igualdade de condicións e á coherencia entre países. Nesta liña, fixo entrega á Cámara do Ditame aprobado por unanimidade do Consello Galego de Pesca o pasado 3 de outubro sobre a proposta comunitaria e o seu impacto nos fondos dedicados á pesca. Un documento que cualifica como “indispensable” que unha rexión altamente dependente da pesca como Galicia, poida participar no deseño e execución deste instrumento financeiro propio e específico cunha dotación económica xusta e equilibrada acorde ás necesidades e singularidades do conxunto da cadea mar-industria e ao seu relevante papel na seguridade alimentaria. Uns motivos polos que a responsable autonómica esixiu ao Executivo comunitario a reformulación da súa proposta antes de presentala á aprobación do Parlamento europeo.

Veto á pesca de fondo

A responsable reiterou a oposición da Xunta respecto ao veto á pesca de fondo nas 87 áreas do Atlántico nororiental, unha decisión que foi recorrida pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) xunto con 16 compañías armadoras galegas. Un procedemento xudicial no que participou o Goberno galego como parte coadxuvante aportando informes que rebatían os puntos de incidencia técnica. Se ben o Tribunal Xeral da Unión Europea avalou esta medida, Marta Villaverde insistiu en que se trata dunha decisión arbitraria , sen aval científico de ningún tipo e que carece de análises do impacto económico, volvendo a reclamar a revisión e suspensión desta decisión. É con eses argumentos destacou que a Xunta participará no recurso do Estado contra a citada sentenza ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Por iso, a Administración autonómica, en paralelo, continúa traballando agora co obxectivo de que a normativa autonómica, estatal e europea  recoñeza dun xeito singular o palangre demersal, fóra das artes de fondo. Así, está a impulsar a modificación do Decreto de artes 15/2011 e presentou alegación no mesmo sentido á normativa estatal así como negociando co Goberno central e a Comisión para facer o propio a nivel comunitario.

Logo cofinanciado