Villaverde defende a importancia de contar coas rexións nas decisións sobre a pesca na Unión Europea

29 de Novembro de 2025

A conselleira do Mar clausurou as XXIX Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro

  • Garantiría a competitividade da actividade marítimo-pesqueira e permitiría ao sector afrontar novos retos como a remuda xeracional, a reformulación da obriga do desembarque ou a descarbonización e a renovación da frota

  • Avoga porque a nova xestión europea garanta o equilibrio entre a sustentabilidade ambiental, economía e social para evitar decisións como a do veto ás artes de fondo nas 87 zonas do Atlántico nororiental

  • Traslada o liderado de Galicia na demanda dun novo Marco Financieiro Plurianual que dispoña da contía necesaria e resposte ás necesidades do sector

  • Defende que no reparto dos TACs e cotas para o 2026 se priorice unha xestión equilibrada, que preserve os recursos sen comprometer o futuro das familias que viven do mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor na clausura das XXIX Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro, que estes días se celebraron en Celeiro, a necesidade de que a nova Política Pesqueira Común (PPC) sitúe ás rexións e aos axentes socioeconómicos do sector ¨no centro¨ para evitar decisións descentralizadas e focalizadas só no eixo ambiental, e evitar así poñer en risco a actividade marítimo-pesqueira. Trátase, segundo advertiu, de “que se conte coas rexións nas decisións relativas á pesca no marco da Unión Europea” e de garantir a sostibilidade dos recursos sen comprometer o futuro económico, social e laboral das comunidades costeiras.

Precisamente, esta é unha das prioridades que está a defender Galicia e que é o resultado “do diálogo fluído coa cadea mar-industria e co alto comisionado de pesca europeo”. Unha posición que é decisiva para dar resposta, en paralelo, aos novos retos que afronta o sector, como son a remuda xeracional, a reformulación da obriga de desembarque, a descarbonización ou a renovación da frota, e que así se recolle, por exemplo, no Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses.

Artes de fondo

En palabras da conselleira, a PPC tamén ten que basear a xestión pesqueira na disposición do mellor coñecemento científico dispoñible para evitar decisións como a que afecta ao veto ás artes de fondo nas 87 zonas do Atlántico nororiental, interpretada pola Xunta e o sector “como unha decisión arbitraria, tomada sen aval científico e se análise do impacto socioeconómico sobre a frota europea”. Esta determinación provocou a reacción da Administración autonómica, primeiro, sendo parte coadxuvante en apoio ás demandas presentadas pola OPP-7 de Burela e as 16 compañías armadoras galegas recorrentes; segundo, participando no recurso de casación logo da decisión do Goberno central de recorrer ambos fallos, na súa condición de demandante privilexiado; e terceiro, coa decisión de seguir avogando por unha ponderación motivada do interese de protección do medio mariño cos intereses dos profesionais do mar. A este respecto, Villaverde subliñou que “desde a Xunta agardamos que a Comisión Europea corrixa a súa postura e levante o veto que afecta ao 25% dunha frota galega que está a perder máis de 216millóns de euros ao ano”.

Fempa

E é que de nada serve repensar a PPC se non se dispón dun Marco Financieiro Plurianual específico que dea resposta ás demandas do sector. Neste senso, a titular de Mar reiterou o rexeitamento da Administración autonómicas á proposta da CE que inclúe un recorte orzamentario do 67 % dos fondos europeos para a pesca. “É inaceptable que trinta anos despois vexamos comprometido por primeira vez a existencia dun orzamento propio e independente para atender á xente que vive do noso mar”; postulado que, lembrou, “se recolle no Ditame elaborado e aprobado por unanimidade dos membros do Consello Galego de Pesca e que eu mesma lle entreguei a pasada semana ao Comisario en Bruxelas”.

TACs e cotas

Estando a dúas semanas da celebración do Consello Agrifish, no que se deciden os TACs e cotas para o ano 2026, a titular de Mar defendeu que o reparto das posibilidades de pesca deben basearse na recuperación científica dos stocks e no impacto socioeconómico sobre as frotas e as comunidades costeiras. A este respecto, considera necesaria a coordinación entre as rexións, que debe ir acompañada dunha política pesqueira ben financiada e evitar recortes drásticos nos topes de especies clave como a xarda, o lirio ou o abadexo.

Economía Azul

Coa clausura da responsable autonómica, a vixésimo novena edición destas xornadas chegou este sábado ao seu fin. Ao longo destes tres días, destacados responsables da Consellería do Mar participaron en diversos relatorios. Precisamente, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, abriu o programa de hoxe, e fíxoo disertando sobre a importancia da Economía Azul en Galicia e a acción da Xunta neste senso,. A Xunta aprobou o pasado ano a súa Estratexia propia para o período 2024-2027, que recolle 40 medidas que mobilizarán máis de 144 millóns de euros.

 

Logo cofinanciado