O grupo empresarial posúe a primeira planta de procesado de Galicia e é líder mundial na produción de pescada conxelada e lagostino austral
-
A titular de Mar trasladou o apoio da Xunta á cadea mar-industria galega, que xera ao redor de 50.000 empregos directos
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este xoves as instalacións de Iberconsa Seafood Processing, a primeira planta de procesado de Galicia, onde destacou a aposta desta factoría pola calidade e a sostibilidade dos produtos que ten no mercado. En definitiva, engadiu, “pola produción integral, a diversificación e a innovación”.
Este grupo é líder mundial en captura e produción de pescada conxelada e lagostino austral. A súa presenza en cinco continentes, convértea nun referente no ámbito da pesca, a transformación e a distribución no sector do conxelado.
A responsable autonómica puxo en valor que se trata dunha das principais compañías pesqueiras de España, a primeira operadora e na Arxentina e unha das tres máis importantes en Namibia e Sudáfrica, acadando as 124.000 toneladas ao ano de peixe e marisco.
En palabras de Villaverde, “estes datos amosan a fortaleza da cadea mar-industria galega”, que xera ao redor de 50.000 empregos directos na comunidade e representa preto do 5% do PIB. A propia Iberconsa dá traballo a 550 persoas en Galicia.
Precisamente, coa finalidade de impulsar a rendibilidade e a competitividade das pemes de transformación de produtos do mar, a Consellería do Mar aumentará no 2026 o investimento no eido da transformación un 5%, ata os 17 millóns de euros. Este esforzo inversor, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), dá continuidade á aposta que vén realizando o Executivo autonómico por este sector. En setembro deste ano, o Consello da Xunta deu o visto e prace a 48 expedentes de axudas, dotadas con 14,7 millóns de euros. Nas convocatorias anteriores, incluídas no marco financieiro 2016-2023, o Goberno galego concedeu 388 axudas por valor de máis de 118 millóns.
