A conselleira do Mar compareceu no Parlamento de Galicia
-
Considera “indispensable” a participación das rexións no seu deseño e execución, “de xeito que sexamos os destinatarios directos do reparto e da asignación dos fondos”
-
Trasladou a necesidade de que o Goberno central convoque o grupo de traballo anunciado coas CC.AA. para dar continuidade á ofensiva impulsada por Galicia
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor no Parlamento de Galicia o liderado da Xunta na defensa dun Marco Financieiro Plurianual “xusto, equilibrado e que garanta a viabilidade do sector pesqueiro”, pois así o amosan as accións emprendidas polo Goberno galego, logo do anuncio realizado en xullo pola Comisión Europea, e que alertaba dun recorte no mesmo do 67 %, o que se traduce en 2.000 millóns de euros para toda Europa.
Deste xeito, Villaverde aproveitou a comparecencia na Cámara galega para volver alzar a voz en defensa dos traballadores do mar, un apoio que se recolle no Ditame elaborado e aprobado por unanimidade dos membros do Consello Galego de Pesca. Un documento que a propia conselleira lle entregou en man ao comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, hai dúas semanas, en Bruxelas, que invocou na 53 Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas, celebrada en Barcelona, e tamén no encontro bilateral coa Directora Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da CE.
Esta ofensiva, impulsada pola Administración autonómica da man do sector, procura evitar que Galicia sexa a rexión máis prexudicada, por ser unha comunidade altamente dependente da pesca. E é que, coa proposta económica da Comisión, o actual Fondo europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) dilúese nun macro-fondo, o que implica que a pesca perda independencia e visibilidade, tanto desde o punto de vista económico como territorial, pois son os Estados membros os que pasan a decidir a prioridade de gasto e os criterios de reparto, deixando sen capacidade de participación ás rexións no proceso de decisión.
Este escenario compromete non só a equidade entre Estados, senón tamén o demandado level playing field. Por iso, Villaverde considera “indispensable” garantir a participación das Comunidades Autónomas no seu deseño e execución, “de xeito que sexamos os destinatarios directos do reparto e da asignación dos fondos”, afirmou.
Grupo de traballo
A este respecto, a Conselleira do Mar expresou a necesidade de que o Goberno central, tal e como se comprometeu en setembro, no marco do Consello Consultivo de Política Agraria Pesqueira para Asuntos Comunitarios, convoque á maior brevidade posible o grupo de traballo cos Gobernos autonómicos “para seguir afondando na defensa iniciada por Galicia e que o propio Executivo estatal asumiu como propia”.
