A iniciativa xorde da colaboración entre o Cima, o Cetmar, o Intecmar e a Universidade de Vigo, e procura mellorar e optimizar a xestión da produción de mexillón
-
A conselleira destacou que sitúa Galicia á vangarda na protección do recurso e garante o desenvolvemento responsable
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, puxo o proxecto Apromex como exemplo de que a investigación axuda na sostibilidade dos recursos mariños, como é o caso do mexillón.
Villaverde participou este mércores en Vilanova de Arousa na presentación das novidades desta iniciativa, destinada á análise da poboación da mexilla, á avaliación de novos sistemas para a súa captación no medio natural e ao desenvolvemento de ferramentas para a visualización dos datos obtidos.
Apromex é un proxecto da Consellería do Mar, que xorde da colaboración entre o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio de Mariño de Galicia (Intecmar) e a Universidade de Vigo. En todo o proceso tamén se está mantendo unha colaboración estreita co sector, aproveitando a súa visión e coñecementos adquiridos coa experiencia.
Marta Villaverde destacou que un dos principais cometidos é “obter mexilla nun volume suficiente para manter a produción nun sector estratéxico para Galicia” tanto polo emprego directo que xera, como pola necesidade de soster a súa demanda nos mercados.
Apromex forma parte do paquete de proxectos impulsado pola Consellería do Mar para a mellorar a miticultura. Así, estas iniciativas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e nas que se inclúe o Visor, que tamén foi dado a coñecer hoxe e está dirixido ao estudo de identificación e marcarxe selectiva de larvas de mexillón mediante anticorpos monoclonais, contan cun investimento para o período 2024-2026 de 2 millóns de euros.
Galicia, líder na acuicultura
A conselleira subliñou tamén o liderado galego no ámbito da acuicultura e, particularmente, na produción de mexillón, na que Galicia destaca por ser a principal produtora a nivel continental. Co 44,6 %, sitúa a España na terceira posición a nivel mundial, só por detrás da China e Chile. Así, no 20024, foron extraídas preto de 179.000 toneladas que supuxeron unha facturación que superou os 128 millóns de euros, un 7,6 % máis que no 2023.
