A conselleira do Mar e a DOP asinaron dous convenios por unha suma total de 540.000 €, que permitirán reforzar a competitividade e a internacionalización deste bivalvo
-
Os acordos dan continuidade ao apoio económico que vén prestando a Xunta a este colectivo desde o 2021, e que supera os 1,2 M€
-
A comunidade conta con máis de 2.000 viveiros que producen baixo este distintivo, que representan o 61 % do total de bateas instaladas
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe dous convenios coa Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e resaltou que este distintivo é o que mellor define a calidade deste produto acuícola das nosas rías e, ao mesmo tempo, é o único de España que conta con dito recoñecemento.
Os acordos suman un importe total de 540.000 euros, dos que a Administración autonómica achega 340.000, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e os 200.000 restantes corren a cargo do Consello Regulador. Este esforzo inversor permitirá seguir reforzando en 2026 a competitividade e a internacionalización do produto e, segundo destacou Villaverde, está dirixido a sufragar medidas como a monitorización do rendemento deste bivalvo, unha acción que resulta determinante para a estimación do seu valor nutritivo, comercial e ecolóxico.
Asemade, levaranse a cabo outras actividades promocionais destinadas a divulgar esta denominación de orixe, contando para elo con influencers que fusionan entretemento, proxección, creatividade e contidos cun gran potencial de interacción para a marca Mexillón de Galicia; así como a elaboración dunha historia gráfica, a través da revista trimestral Mexillón de Galicia na que se amosarán, en ton de humor, as características que fan único este produto. Estas actuacións complementaranse coa celebración dunha xornada de exaltación que contará coa participación de representantes do sector, e na que se abordará a relevancia e repercusión deste distintivo, así como a versatilidade culinaria do bivalvo estrela das rías galegas.
Alianza desde o 2021
Con estes novos acordos, o Goberno galego dá continuidade á alianza iniciada no 2021 co Consello Regulador desta DOP, e que se materializa en distintas achegas por parte da Consellería do Mar que superan os 1,2 millóns de euros.
A comunidade conta con máis de 2.000 viveiros para a produción baixo este distintivo, que representan o 61 % das bateas instaladas. A estes engádense 43 empresas para a comercialización de mexillón certificado: 14 en fresco e 29 transformado. No 2024 -o último exercicio económico pechado- esta denominación de orixe incrementou a súa produción un 56 %, alcanzando as 18.700 toneladas.
