O conselleiro do Mar clausurou no Milladoiro a xornada ‘Equipos de protección individual no traballo para o sector pesqueiro da baixura’
-
Alfonso Villares pechou cunha mesa redonda un encontro con patróns maiores e responsables dos pósitos onde se trataron obxectivos do sector como o regreso a unha produción sustentable no económico, no social e no ambiental
-
O titular do Mar promete reforzar o apoio á cadea mar-industria ante ameazas que chegan desde Bruxelas, como o veto ás artes de fondo, ou do Goberno central, co recurso ante o Tribunal Constitucional da Lei de ordenación do litoral galega
-
O Orzamento 2024 destina á federación galega das confrarías e ás tres asociacións provinciais a suma de 468.000 €, cantidade coa que o global que se dedicou desde 2010 a estes colectivos supera os cinco millóns de euros
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, clausurou hoxe no polígono de Novo Milladoiro, no concello de Ames, a xornada Equipos de protección individual no traballo para o sector pesqueiro da baixura que, organizada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores, permitiu ao sector establecer en torno a unha mesa redonda o diálogo sobre os retos que afronta a esta actividade en Galicia. Un foro no que o titular de Mar postulou entre os máis importantes a aposta pola seguridade nos traballos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, así como no conxunto da cadea produtiva mar-industria, que comezan por contar cuns axeitados equipos de protección persoal.
Este é un tema capital para a actividade martítimo-pesqueira, porque contribúe non só a mellorar as condicións de traballo, senón que tamén axuda a salvar vidas. Os distintos tipos de vestimentas, salvavidas e outros equipos para uso individual de profesionais do mar foron o eixe da xornada celebrada na sede da federación galega, unha sesión formativa que se inxire dentro do convenio deste colectivo coa Consellería do Mar.
Alfonso Villares compartiu neste encontro con José Antonio Pérez Sieira, presidente das confrarías de toda a comunidade, e patróns maiores e membros das directivas de pósitos de toda Galicia un diálogo fluído sobre obxectivos comúns da Xunta e do sector como son o regreso a unha produción sustentable nos eidos económico, social e ambiental.
Desde a preocupación do estado dos bancos marisqueiros e a posibilidade de paralizacións temporais da actividade, ou o futuro da extracción mexilla e a eólica mariña, moitos foron os temas abordados no encontro. O titular do Mar promete reforzar o apoio tanto ao sector extractivo como ao conxunto da cadea mar-industria ante ameazas que chegan desde Bruxelas, como o veto ás artes de fondo, ou do Goberno central, co seu inexplicable recurso ante o Tribunal Constitucional da Lei de ordenación do litoral galega.
Son temas onde a Xunta coincide cos obxectivos dos representantes da actividade produtiva en Galicia, que son tamén os máis interesados en que esta sexa sustentable tanto no eido económico como no social e o ambiental, os tres piares sobre os que debe sosterse a política pesqueira comunitaria (PPC), tal e como se defendeu de forma unánime desde a comunidade ante Bruxelas cun ditame coral.
Outros puntos en común fronte ao Executivo central estarían na demanda da rebaixa do IVE, un clamor que, sen explicación ningunha, é rexeitado continuamente polo Executivo central; ou na demanda de que se active canto antes, tras unha espera de máis de tres anos, o Perte, proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica, focalizado no sector do Mar.
Outro reto compartido será o de acadar as maiores posibilidades de pesca na negociación de cotas e totais admisibles de capturas para o ano próximo na negociación no seo do Consello de Ministros do ramo que se celebrará en decembro en Bruxelas, así como a axeitada xestión do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), para o que se porá en marcha unha rede de oficinas de asesoramento e xestión.
As contas para o ano
Alfonso Villares quixo trasladar en persoa aos representantes das confrarías galegas novidades relacionadas coa recente presentación dos Orzamentos 2024 que se tramitan no Parlamento de Galicia, onde o se disporán de máis de 243 millóns de euros para o desenvolvemento do conxunto das políticas pesqueiras e portuarias.
Ademais de reforzar a I+D+i mariña e a formación, potenciar os investimentos nas dársenas, apoiar o desenvolvemento local, reforzar a sustentabilidade da actividade, axudar a que as empresas galegas gañen novos mercados e promocionar o consumo dos produtos do mar, tamén se continuará a favorecer a representación sectorial a través das súas organizacións de referencia. É o caso da Federación Galega de Confrarías e as tres entidades provinciais, que contarán con 468.000 euros en apoio da súa actividade. Sumados ás contías acumuladas entre 2010 e 2023 supéranse os 5 millóns de euros.