A Xunta afonda na colaboración coa Autoridade Portuaria de Marín para reforzar a competitividade deste porto

11 de Setembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo este xoves unha reunión de traballo co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, no marco da rolda de contactos que está a levar a cabo a titular autonómica cos distintos axentes e entidades vinculados ao sector marítimo-pesqueiro.

Deste xeito, os dous dirixentes abordaron as principais liñas de actuación de dito organismo, co fin de afondar na colaboración conxunta que permita impulsar e reforzar a competitividade deste porto. Así, un dos principais eixos estratéxicos da entidade é seguir executando importantes actuacións de mellora na lonxa, o ferrocarril ou de eficiencia enerxética e de sustentabilidade que contan, precisamente, co financiamento dos Fondos Europeos Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e o Desenvolvemento Rexional (Feder).

No transcurso do encontro, Villaverde e Suárez tamén analizaron os últimos rexistros da actividade portuaria. En 2024 o porto marinense rematou cun momento superior ás 2,5 millóns de toneladas, o que supuxo un crecemento do 21,31% con respecto ao exercicio anterior, alcanzado deste xeito unha cifra histórica de tráfico portuario. Este resultado vincúlase ao movemento de acha de madeira que superou as 445.000 toneladas. Nos seis primeiros meses do ano, os movementos portuarios aproxímanse ás 1,2 millóns de toneladas, o que supón unha media de máis de 194.000 ao mes. En toda España, os portos de interese xeral moveron, no mesmo período (xaneiro-xuño), 275.408.053 toneladas.

Logo cofinanciado