A Xunta afonda no impulso do sector miticultor de Galicia

21 de Outubro de 2025

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, mantivo sendos encontros de traballo coa DOP Mexillón de Galicia e Opmega

  • As xuntanzas serviron para abordar os retos de futuro que afronta o cultivo deste molusco bivalvo

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, mantivo este martes sendas reunións con representantes de dous dos colectivos máis representativos do sector miticultor de Galicia, a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega). O obxectivo, seguir afondando no impulso da produción e comercialización deste produto, tal e como vén avanzando en distintos foros a conselleira do Mar, Marta Villaverde.

A DOP conta con 18 anos de existencia e hoxe en día constitúe un elemento claramente diferenciador que aglutina ao sector, supoñendo, en paralelo, novas oportunidades de negocio. Por iso, no transcurso do encontro, se analizaron as distintas accións da Administración autonómica para contribuír a por en valor este produto de orixe 100% das rías galegas. É o caso do convenio subscrito, a través do que a Administración autonómica achega 200.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e dirixido á mellora da comercialización deste produto.

En 2024 a certificación Mexillón de Galicia incrementouse un 56% ata alcanzar as 18.700 toneladas. Na actualidade, hai máis de 2.000 viveiros para a produción baixo este distintitivo, que representa o 61% das bateas instaladas no litoral galego. A isto hai que engadir 12 centros de depuración, 39 empresas transformadoras e máis de 120 entidades e marcas autorizadas ou en proceso de autorización para comercializar este molusco baixo o seu amparo.

Polo que respecta á xuntanza con Opmega, abordáronse os últimos datos de produción desta OPP -a única da comunidade que conta con esta consideración no ámbito da produción de mexillón-, ao tempo que se analizaron vías de traballo de cara a promover medidas que revertan no desenvolvemento e potenciación desta actividade tanto en termos económicos como de emprego.

Na actualidade, Opmega está integrada por 579 bateas e 312 socios agrupados en 11 delegacións distribuídas nas rías de Muros e Noia, Arosa, Pontevedra, Vigo e Portugal.

Logo cofinanciado