A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro mantivo un encontro con representantes do pósito e visitou a lonxa da localidade para coñecer o impacto das actuacións realizadas ao abeiro destes apoios autonómicos
-
A dotación de bombas de auga salgada, a adaptación do solo e acondicionamento das paredes da rula ou a adquisición de equipos de carga e de pesaxe, fregadora, varredoras, e un produtor de xeo, foron algúns dos investimentos realizados
-
A responsable autonómica mantén unha ampla rolda de contactos coas confrarías da comunidade co obxectivo de analizar as demandas específicas dos profesionais do mar de cada zona e estudar o deseño de novas medidas de reforzo da actividade
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro con responsables da Confraría de Pescadores de Muros co obxectivo de analizar as demandas dos traballadores do mar da zona. A responsable autonómica destacou o diálogo fluído entre o sector e o Goberno galego no desenvolvemento de actuacións que permitan mellorar na competitividade e sostibilidade da actividade pesqueira na comunidade. Neste contexto, destacou que desde o 2023 foron concedidos 466.000 euros ao pósito para o desenvolvemento de proxectos de mellora dos equipamentos portuarios, mellorando a eficiencia enerxética e as condicións de traballo das persoas pescadoras.
Ángeles V. Suárez realizou unha visita á lonxa do municipio coruñés para coñecer de primeira man o impacto destas actuacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa). Entre elas destacan a dotación de bombas de auga salgada, a adaptación do solo e acondicionamento das paredes da rula, ou a adquisición de equipos de carga e de pesaxe, fregadora, varredoras e un produtor de xeo, foron algúns dos investimentos realizados. Unhas accións que permitiron reforzar a actividade pesqueira e a súa sustentabilidade económica, social e ambiental.
A estes apoios se suman outros ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo polo que a Confraría vai a poñer en marcha un proxecto para a creación e posta en marcha de tres itinerarios de turismo mariñeiro relacionados co marisqueo a pé e coa promoción do patrimonio cultural e natural. Esta iniciativa procura diversificar a actividade do sector á vez que sensibilizar aos visitantes sobre a importancia e sustentabilidade do marisqueo tradicional e poñer en valor os produtos do mar.
Con esta visita a responsable autonómica continúa avanzando na ampla rolda de contactos coas confrarías da comunidade co obxectivo de analizar as demandas específicas das distintas zonas produtivas para o estudo e deseño de novas medidas e accións para o reforzo da actividade pesqueira en Galicia.