A Xunta de Galicia inviste 1,7 millóns de euros na mellora das instalacións de atracada para bateeiros no Porto de San Adrián de Cobres, en Vilaboa

31 de Xullo de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, comprobou o avanzado estado das obras que consistirán na construción dun dique de abrigo flotante e 16 prazas de amarre para esloras de 12 a 22 metros

  • Portos de Galicia impulsa as obras que se prevé que queden rematadas no outono

A Xunta de Galicia investirá 1,7 millóns de euros na mellora das instalacións de atracada para bateeiros no porto de San Adrián de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa. Así o confirmou esta mañá a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, ente público promotor da obra, José Antonio Álvarez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

A conselleira comprobou o avanzado estado de execución das obras, consistentes na instalación dun dique de abrigo flotante de formigón e a dotación de 16 prazas de amarre para embarcacións mexilloeiras con esloras de 12 a 22 metros. As prazas dispoñen de fingers de atraque e contarán con conexión de auga, luz e alumeado.

Os traballos, que deron comezo o pasado mes de febreiro, contan cun prazo de execución de 8 meses polo que se prevé que as novas instalacións poidan entrar en servizo no vindeiro outono. A día de hoxe atópase rematada xa o fincado dos pilotes que conforman a estrutura e nestes días estanse a instalar os módulos de pantalán sobre eles.

Villaverde destacou o importante esforzo inversor da Xunta de Galicia con esta obra, cofinanciada ademais con fondos Fempa da Unión Europea, que permitirá dar cabida ao total da frota que ten porto base en San Adrián de Cobres, un porto fundamental para a actividade bateeira na ría de Vigo e no conxunto de Galicia.

Ademais lembrou que esta actuación beneficiará ao conxunto da frota bateeira da ría de Vigo. Non en van existe un tránsito constante entre os bateeiros de San Adrián (Vilaboa) e os de Domaio (Moaña), que amarran con frecuencia indistintamente en ambos portos. Deste xeito, a mellora do abrigo de San Adrián, permite tamén refuxiar á frota mexilloeira de Domaio ante efectos climatolóxicos adversos.

Logo cofinanciado