A Xunta defende un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos para dar resposta aos novos desafíos da Unión Europea

31 de Outubro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, clausurou a 2ª edición do concurso Europa-Xunta que pon en valor as actuacións das Administracións galegas co apoio da UE

  • Corgos lembrou que a sinatura da Declaración Galicia expresa o desacordo da delegación española coa proposta da CE e pide que a Europa non se recentralice

  • O Goberno galego considera a negociación do marco 2028-2034 como un momento decisivo para o futuro de Europa

A Xunta defende un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos para dar resposta aos novos desafíos da Unión Europea. O Goberno galego considera a negociación do marco 2028-2034 como un momento decisivo para o futuro de Europa.

 A reunión da delegación española do Comité das Rexións, celebrada hai uns días en Santiago, rematou coa coñecida como Declaración Galicia, que expresa o desacordo dos participantes coa proposta inicial da Comisión Europea. Os asinantes piden que as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio e, polo tanto, que Europa non se recentralice.

 Así o lembrou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o acto de clausura da 2ª edición do Concurso Anual de Proxectos cofinanciados por fondos europeos #Europa-Xunta. A iniciativa pon en valor as mellores actuacións levadas a cabo polas Administracións galegas co apoio da Unión Europea.

Ao concurso presentáronse setenta iniciativas que, segundo destacou Miguel Corgos, reflicten “a capacidade, a ilusión e o bo facer das persoas que traballan cada día para construír unha Galicia máis sostible, máis innovadora e solidaria”.

A converxencia dos territorios

O conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou o papel dos fondos europeos na transformación e modernización de Galicia, que permitiron que a comunidade avance na converxencia cos territorios máis desenvolvidos da UE, mellorando indicadores económicos, sociais e laborais e impulsando proxectos que “deixan  unha pegada real no territorio e nas persoas”, abundou.

Por iso defendeu que as rexións deben seguir xogando un papel central na planificación e xestión dos fondos de xestión compartida e a necesidade dun orzamento específico, diferenciado e suficiente para lograr unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna.

Miguel Corgos salientou que é preciso facer fronte aos grandes retos xeopolíticos e ambientais actuais, sempre tendo en conta os principios fundacionais da Unión Europea, os da cohesión económica, social e territorial, así como o apoio á agricultura e á pesca, sectores estratéxicos tanto para Galicia como para Europa.

Para iso, asegurou o responsable da Facenda galega, é preciso unha Europa que reforce a súa gobernanza multinivel e que confíe nas rexións como “garantes de proximidade, eficacia e compromiso co proxecto europeo”.

O conselleiro afirmou que iniciativas como o concurso Europa-Xunta contribúen a reafirmar a visión dunha Galicia calidade, que aproveita con intelixencia e responsabilidade o apoio europeo para seguir avanzando.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que estes premios poñen o foco na funcionalidade dos fondos europeos, sendo decisivos para o desenvolvemento de proxectos como a Aula do Mar. Esta iniciativa, impulsada pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña e cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), é un exemplo, indicou a responsable autonómica, de como as estratexias de desenvolvemento local participativo son unha boa ferramenta para por en valor o patrimonio costeiro, a través de experiencias que conectan coñecementos e sensibilidade en prol do ben común.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública entregou o premio, trala votación, á iniciativa Xuventude Mentoring, un programa integral de orientación, formación e mentoría destinado a persoas mozas tituladas e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia, que ten por obxectivo favorecer a transición do ámbito académico á vida laboral.

Outro proxecto destacado é o Centro de Protonterapia de Galicia, que vai mellorar a atención especializada en relación coa terapia de protóns, un tipo de radioterapia avanzada que permite maior precisión do tratamento e menor toxicidade facéndoo especialmente indicado para nenos e adultos con tumores en zonas sensibles como o cerebro, medula espiñal ou ollos.

O proxecto Begonte Genera, constitúe o maior Mercado Local de Enerxía (MLE) do territorio estatal. Trátase dun modelo innovador de xeración e consumo enerxético, que garante un subministro estable as 24 horas do día, os 7 días da semana. Pola súa banda, o proxecto Persist desenvolve un ecosistema aberto e interoperable para mellorar a atención a sobreviventes de cancro. E o proxecto Safeway desenvolveu unha solución transversal centrada no transporte terrestre, considerando infraestruturas viarias e ferroviarias para mellorar a resiliencia fronte a eventos extremos, naturais e humanos, mediante ferramentas que permitiron anticipar e mitigar os seus efectos.

Logo cofinanciado