-
O conselleiro do Mar reclama axilidade ao Ministerio para a Transición Ecolóxica na tramitación das novas acreditacións de importación e exportación
-
No evento abordaranse asuntos de importancia para o sector como a introdución da quenlla na Cites a partir do 25 de novembro
-
O frota galega moi pendente do que se decida no cumio do ICCAT do Cairo respecto ás posibilidades de pesca deste escualo
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, demanda ao Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico axilidade na tramitación dos novos certificados de importación e exportación para a comercialización da quenlla. O titular de Mar fixo estas manifestacións na inauguración do congreso da frota de palangre de superficie organizado pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-7) de Burela baixo o título ‘Os grandes migradores. A xestión sostible e nutrición’.
Un dos temas principais desta cita é o requirimento a partir do vindeiro 25 de novembro do certificado CITES na comercialización da quenlla como consecuencia da súa inclusión na lista de especies ameazas o pasado ano. Unha decisión que, segundo explicou o titular de Mar, se tomou sen o aval científico e que contradí a boa situación biolóxica desta especie, sobre a que non consta ningunha situación de ameaza nin sobreexplotación, como constatan organismos internacionais como a FAO ou a Coalición Internacional de Asociacións Pesqueiras.
Alfonso Villares sinalou a relevancia do vindeiro cumio da Comisión Internacional para la Conservación del Atún Atlántico (ICCAT) en novembro na cidade exipcia do Cairo na que o foco, máis que o que se decida respecto as posibilidades de pesca para o 2024, estará nas conclusións que alcancen o grupo de revisión científica da UE pois será o que decida o volume de quenlla que se incluirá no ditame de extracción non prexudicial, que suporá o pasaporte para a venda desta especie.
O titular de Mar destacou a importancia do papel da actividade pesqueira á hora de fixar poboación nas áreas costeiras e enxalzou o traballo realizado pola frota de palangre, que destaca polo seu dinamismo e adaptabilidade técnica, na procura de caladoiros e especies, axustándose aos cambios normativos e ás novas exixencias do mercado. Aspectos que fan que o sector sexa recoñecido internacionalmente pola consecución dun modelo produtivo de calidade, responsable e sustentable.
Congreso cofinanciado pola Xunta
O evento, que contou coa confinanciación da Xunta de Galicia e do FEMPA, busca analizar outros asuntos relevantes que afectan á frota como a xestión pesqueira sostible, a dixitalización e comunicacións máis eficientes, as boas prácticas pesqueiras, a seguridade alimentaria, nutrición e saúde.