Galicia supera os obxectivos de execución do Fempa e consolídase como a comunidade con maior volume de fondos asignados
-
Unhas cifras que avalan as demandas dun marco financeiro sólido que garanta os recursos necesarios para a viabilidade dos retos da Política Pesqueira Común
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo hoxe un encontro bilateral con representantes da Comisión Europea no que se abordou o grao de execución do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) en Galicia.
Durante a reunión, celebrada na Secretaría Xeral de Pesca en Madrid, a Xunta trasladou á Comisión Europea que Galicia superou ao peche de 2025 o obxectivo de execución marcado, acadando un 105 % do previsto, cun volume de gasto certificado próximo aos 65 millóns de euros, o que reflicte a capacidade da comunidade para mobilizar con eficacia os fondos europeos ao servizo do sector marítimo-pesqueiro.
Neste sentido, Marta Barreiro subliñou que “Galicia está a demostrar que conta cun modelo de xestión solvente, rigoroso e alineado cos obxectivos comunitarios, capaz de transformar os recursos europeos en investimento real para o sector”. Desde o inicio do período de vixencia do Fempa, a comunidade leva executados máis de 74 millóns de euros, o que representa o 21,5 % do total asignado, cun horizonte de execución que se prolonga ata 2029.
A secretaria xeral técnica puxo tamén en valor que Galicia é a comunidade autónoma máis beneficiada polo Fempa, cunha asignación superior aos 366 millóns de euros, o que supón o 32,8 % do total dos fondos destinados a España, un dato que, segundo indicou, “responde ao peso real do sector galego no conxunto do Estado e á súa relevancia económica e social”.
Marco Financeiro Plurianual
A Xunta destaca que esta eficiente xestión dos recursos comunitarios amosan a importancia de dotar ao vindeiro Marco Financeiro Plurianual dun orzamento específico, suficiente e estable para a pesca e a acuicultura, en liña coa posición recollida no ditame do Consello Galego de Pesca.
Nesta liña, Barreiro advertiu de que “calquera redución ou dilución dos fondos destinados á política pesqueira común poría en risco a sustentabilidade económica, social e ambiental das comunidades costeiras”, e lembrou que o Consello Galego de Pesca xa manifestou a súa oposición a propostas que limiten o financiamento do sector ou que o integren nun marco máis amplo sen garantías específicas.
A representante da Xunta incidiu en que o futuro MFP debe permitir afrontar retos clave como a transición ecolóxica, a modernización da frota, a innovación, a competitividade da cadea mar-industria e a remuda xeracional, ao tempo que garante estabilidade normativa e financeira aos profesionais do mar.
